A Xunta reforza o servizo de atención turística con 14 novas bolsas de formación práctica nas oficinas de turismo das principais cidades

Redacción
oppo_0
  • A convocatoria, dirixida a titulados no ámbito turístico, permanecerá aberta do 12 de maio ata o 11 de xuño
  • A iniciativa favorece a formación nas oficinas vinculadas con Turismo de Galicia

O Diario Oficial de Galicia publicou este luns a convocatoria de 14 bolsas de prácticas nas oficinas de información turística dependentes de Turismo de Galicia durante o ano 2026. As solicitudes poderán enviarse a partir do 12 de maio e ata o 11 de xuño.

Estas bolsas diríxense a persoas de nacionalidade española ou da Unión Europea que teñan os títulos de grao en Turismo; técnico superior en Guía, Información e Asistencia Turísticas e técnico superior en Axencias de Viaxes e Xestión de Eventos, obtidos a partir do 1 de xaneiro de 2021.

As persoas solicitantes deberán acreditar, ademais, coñecementos de lingua galega no nivel Celga 4 ou equivalente, así como un nivel mínimo B1 de inglés.

A convocatoria permitirá realizar prácticas tuteladas nas oficinas de información turística de Turismo de Galicia situadas en A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo. En concreto, distribúense dúas bolsas por cada oficina.

O programa desenvolverase durante o ano 2026 cunha duración máxima de seis meses. A incorporación das persoas seleccionadas realizarase a partir do 1 de xullo, coincidindo coa tempada alta turística en Galicia e para reforzar a atención nas oficinas de información.

Impulso á atención aos viaxeiros

Turismo de Galicia destina a esta convocatoria un total de 90.219,60 euros. Esta iniciativa enmárcase nas actuacións impulsadas por Turismo de Galicia para reforzar a formación no ámbito turístico galego mediante prácticas nas oficinas dependentes de Turismo de Galicia. O obxectivo é contribuír á mellora da atención e da información ofrecida ás persoas visitantes nas oficinas de turismo da comunidade.

As solicitudes deberán presentarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. As bases da convocatoria poden consultarse na páxina web institucional de www.turismo.gal

Comparte este artigo