A Xunta reforzará en outono a promoción do Destino Galicia no Mercado Mexicano no marco da España Verde

Redacción
  • A marca turística do norte peninsular participará o vindeiro novembro no encontro Norte Diem de Monterrey para reforzar a súa proxección internacional
  • Turismo de Galicia participou na reunión de seguimento da España Verde, na que se definiron novas iniciativas en mercados estratéxicos

Turismo de Galicia participou hoxe na reunión de coordinación da España Verde, onde se avanzaron os preparativos de Norte Diem, unha das grandes accións promocionais que a marca desenvolverá o vindeiro mes de novembro en Monterrey (México). A iniciativa permitirá reforzar a presenza de Galicia nun mercado de gran potencial de crecemento e contribuír á promoción da comunidade de cara ao Xacobeo 2027.

En 2025, 27.000 turistas mexicanos visitaron Galicia, o que supón o 1,4% do turismo internacional. O gasto medio diario do turista mexicano foi o pasado ano de 164€, cifra superior á media do turista internacional -que se situou en 97,2€-.  México é un mercado estratéxico para a promoción turística da comunidade galega.

O encontro, celebrado en Torazu, na Comarca da Sidra, reuniu representantes de Turespaña e das catro comunidades autónomas que integran a España Verde -Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi- co obxectivo de analizar as actuacións realizadas durante os primeiros meses do ano e programar novas iniciativas de promoción internacional.

Durante a xornada repasáronse distintas accións que se están a desenvolver este ano en mercados prioritarios, entre elas viaxes de familiarización para profesionais turísticos, iniciativas vinculadas ao ecoturismo e campañas dirixidas a medios de comunicación e operadores especializados no sector.

Entre os proxectos previstos destaca Norte Diem, evento que combinará promoción turística e gastronomía para achegar ao público mexicano os atractivos da España Verde, coa colaboración da Oficina Española de Turismo da Cidade de México.

Na reunión participaron representantes institucionais das catro comunidades autónomas integradas na marca, entre eles o responsable da Área de Imaxe e Xestión de Marca de Turismo de Galicia, José Ramón Castiñeiras.

España Verde

A España Verde é unha marca turística formada por Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi para promover conxuntamente nos mercados internacionais a oferta de natureza, patrimonio e turismo sostible destas comunidades en mercados internacionais.

Comparte este artigo