- Reclamou que complete a constitución da Comisión Interadministrativa e un calendario claro para avanzar na súa aplicación e dar seguridade xurídica ás empresas patrocinadoras
- Xosé Merelles tamén deu conta da execución do programa europeo Ultreia Sudoe que está a xerar oportunidades vinculadas co Xacobeo en Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, Samos e Sarria
Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2026.- O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, puxo en valor no Parlamento de Galicia o traballo desenvolvido pola Xunta de Galicia liderando en todo momento os trámites para activar os beneficios fiscais e para impulsar a constitución da Comisión Interadministrativa do Xacobeo 2027 de cara a facer efectiva esta medida. Xosé Merelles insistiu novamente na necesidade de que tanto o Ministerio de Facenda coma o de Cultura faciliten “un calendario claro” para activar os beneficios fiscais ás empresas que “precisan certezas, datas, procedementos e garantías”.
“Falta que o Goberno Central faga a súa parte”, engadiu subliñando que é preciso axilizando e acelerando a sinatura do convenio entre o Ministerio de Cultura, o de Facenda e as Comunidades Autónomas que forman parte do Consello Xacobeo. Este acordo activará a constitución da Comisión Interadministrativa que deberá reunirse e aprobar a operatividade dos beneficios. Ademais, tamén establece a estrutura de dita entidade, cuxa secretaría asume Galicia a través do comisario do Xacobeo 2027.
Durante a súa intervención, Xosé Merelles concluíu que a Administración autonómica actuou con antelación e cumpriu con todas as obrigas que estaban baixo a súa competencia. “Galicia fixo os seus deberes. A Xunta fíxoo con anticipación, con lealdade institucional e pensando no interese xeral de Galicia, do sector turístico, da cultura e de todos aqueles que queren participar nun acontecemento que transcende a nosa comunidade”, afirmou.
O responsable de Turismo lembrou que a declaración do Xacobeo 2027 como acontecemento de excepcional interese público, aprobada a través do Real decreto-lei 8/2025, foi impulsada grazas á insistencia institucional de Galicia. “Non foi unha concesión espontánea do Goberno central. Foi froito da insistencia de Galicia, da presión institucional da Xunta, das iniciativas promovidas no Parlamento de Galicia e tamén do traballo desenvolvido nos foros do Consello Xacobeo”, sinalou.
O director de Turismo de Galicia lembrou que durante o último Xacobeo 2021-2022 participaron arredor de 40 entidades patrocinadoras, cun investimento próximo aos 28 millóns de euros, contribuíndo ao desenvolvemento de actividades culturais, turísticas e sociais en todo o territorio galego.
Programa europeo Ultreia Sudoe
Tamén en sede parlamentaria, Xosé Merelles destacou que o proxecto europeo ULTREIA_Sudoe “avanza conforme ao calendario previsto para o período 2024-2026” e conta xa con actuacións relevantes desenvolvidas en Galicia.
Segundo explicou, desde o inicio da súa execución elaboráronse documentos estratéxicos como a Estratexia Transnacional dos Camiños de Santiago no espazo Sudoe, a guía de inclusividade e o estudo socioeconómico da área de influencia do Camiño Francés entre O Cebreiro e Sarria. Ademais, puxéronse en marcha actuacións concretas como a instalación de sistemas de medición de fluxos de peregrinos en Triacastela e Sarria, a análise de accesibilidade e inclusividade en varios puntos do Camiño e a creación da Parada no Camiño do Cebreiro como espazo de información e promoción territorial.
O director de Turismo de Galicia salientou que o programa Ultreia Sudoe contribúe á mellora da xestión sostible do Camiño de Santiago e á dinamización das economías locais con iniciativas coma o HUB local con sede no albergue Casa Forte de Lusío, en Samos, a promoción dos recursos agroalimentarios, artesanais, culturais e turísticos do territorio e o desenvolvemento de ferramentas dixitais para mellorar a planificación e a toma de decisións. Segundo indicou, o proxecto favorece unha maior accesibilidade, inclusividade e cooperación entre administracións, empresas e entidades locais, xerando novas oportunidades de desenvolvemento económico e social nos concellos de Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, Samos e Sarria.

