- O Executivo galego presenta unha unidade didáctica da película galega ‘Matria’ en colaboración coa produtora do filme dentro da programación especial polo 25N
- Trátase dun novo recurso que se pon á disposición dos concellos e nos Centros de Información ás Mulleres (CIM) de Galicia como valor engadido para o visionamento da película e crear un espazo de reflexión e análise
A Xunta de Galicia reivindicou hoxe a importancia das novas narrativas culturais que incorporan a perspectiva de xénero para concienciar á cidadanía. A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, participou na presentación da unidade didáctica do filme galego Matria que, en colaboración coa produtora do filme, Matiuska, se porá a disposición dos concellos e Centros de Información ás Mulleres (CIM) de Galicia para que, logo do visionamento, se poidan crear espazos de análise e reflexión que axuden a detectar casos de violencia de xénero.
Durante esta presentación, na que tamén participou o director da peza audiovisual, Álvaro Gago; o alcalde da localidade, Gonzalo Durán; e a concelleira Nuria Morgade; Quintiana trasladou a importancia de contar con recursos que permitan educar a mirada que durante tantos anos se nos amosou desde o cinema, con roles e estereotipos de xénero. Neste sentido, fixo fincapé na necesidade de poñerlle nome ao que se nos amosa nas pantallas e por iso esta unidade didáctica o que pretende é axudar a aprender e poñerlle nome aos diferentes tipos de violencia de xénero que se amosa en Matria: violencia sexual, psicolóxica, física e económica.
María Quintiana salientou que as novas narrativas culturais, neste caso audiovisuais, representan un papel fundamental para amosar a realidade que viven moitas mulleres. Así, lembrou que este filme retracta a vida de mulleres fortes, loitadoras e traballadoras, pero que son vítimas de violencia de xénero. Por iso mesmo, a directora xeral recalca que “non hai un perfil de vítima de violencia de xénero, todas podemos selo, e esta película así o amosa”.
Esta colaboración entre o Executivo galego e a produtora do filme enmárcase na programación especial da Xunta polo 25N. Esta acción súmase ás máis de 300 actividades realizadas para visibilizar a loita contra a violencia de xénero e achegar á cidadanía os recursos necesarios para denunciar e actuar.
A cultura como ferramenta de cambio social
Nos últimos meses foron varias as colaboracións levadas a cabo en clave de igualdade co sector cultural como ferramenta de cambio social. Así, púxose a disposición dos centros educativos a unidade didáctica da curtametraxe Eu vou comigo, dirixida por Chelo Loureiro, orientada ao público infantil para traballar a autoestima das nenas e a prevención da violencia de xénero desde idades temperás.
Así mesmo, o teatro foi outra das colaboracións, co apoio e a representación da peza As formas do Amor, de Verdeveras Expresións Artísticas, que fomenta relacións amorosas sanas e baseadas no botrato e nas masculinidades igualitarias.
Ademais, tamén se apoiou o espectáculo Dique, de Nova Galega de Danza, para poñer en valor o traballo invisibilizado das mulleres das mulleres na historia.

