HomePontevedraCaldasA Xunta remata en Valga as obas para reducir o risco de...

A Xunta remata en Valga as obas para reducir o risco de inundación na contorna do parque Irmáns Dios Mosquera cun investimento de 280.000 euros

- Anuncio -spot_img

As actuacións, cofinanciadas pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, buscan incrementar a capacidade hidráulica da canle fluvial do río Valga e minimizar a posibilidade de que se produzan asolagamentos

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, concluíu recentemente as actuacións para reducir o risco de desbordamento do río Valga pola súa marxe dereita, nas inmediacións do parque Irmáns Dios Mosquera, no concello pontevedrés de Valga, cun investimento de 280.000 euros.

As actuacións -cofinanciadas pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) nun 80%, no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020- tiveron como finalidade tratar de minimizar o risco de que se produzan asolagamentos na zona, que está identificada como área de risco potencial significativo de inundación (Arpsi) dos ríos Ulla e Sar.

Os traballos desenvolvéronse na contorna da marxe dereita do río Valga, nas proximidades do parque Irmáns Dios Mosquera, unha zona na que as vivendas se atopan a unha cota igual ou inferior á da canle fluvial e moi próximas ao noiro da estrada N-550, que actuaba como barreira e producía asolagamentos frecuentes.

As actuacións para reducir o risco de inundación consistiron na mellora do muro de contención da marxe dereita do río, ampliando ademais a canle fluvial e dotándoo de maior altura. Ao mesmo tempo adoptáronse medidas para mellorar a seguridade da zona, que é de uso lúdico e peonil, mediante a colocación dunha varanda de madeira na canle da marxe esquerda así como unha pasarela por enriba do río para facilitar o acceso ao baño minimizando os posibles riscos de caída.

A obra tamén levou aparellado o acondicionamento da canle dun rego afluente do río Valga que se atopa na zona e a renovación da pasarela peonil de madeira que o cruza. O obxectivo destas actuacións é reducir tanto as erosións como os atoamentos da canle e facilitar así a circulación fluída das augas.

Os traballos, que pretenden paliar o risco de desbordamento do río Valga nas inmediacións do parque Irmáns Dios Mosquera para un período de retorno de 100 anos, enmárcanse no convenio de colaboración asinado por Augas de Galicia co Concello de Valga para reducir o risco de inundación na Arpsi dos ríos Ulla e Sar, un acordo que prevé distintas actuacións que suman un importe total de máis de 1,2 millóns de euros.

Publicacións Relacionadas