- Os Centros Autorizados para o Tratamento entregarán e recollerán os materiais que se utilicen na formación práctica dos estudantes galegos que cursan ensinanzas da familia Transporte e mantemento de vehículos
A Xunta e a Asociación Galega de Tratamento de Vehículos (Travega) volven a colaborar, tras catro anos de experiencia, para dar unha segunda vida a vehículos fóra de uso e contribuír á aprendizaxe práctica dos estudantes de Formación Profesional (FP) en Galicia. Ademais de cubrir as necesidades de materiais por parte dos centros educativos da comunidade, este acordo facilita a utilización de unidades de automoción antes de ser destinados e tratados como residuos, que se enmarcan no enfoque de economía circular.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ánxeles Vázquez Mejuto, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidade e FP, Román Rodríguez, e o presidente de Travega, Germán Catoira, ratificaron hoxe en Santiago de Compostela a renovación dun convenio para reutilizar automóbiles en desuso nas prácticas do alumnado de formación profesional da familia de Transporte e mantemento de vehículos.
Os Centros Autorizados para o Tratamento (CAT) de residuos, que pertencen á asociación, son autorizados a ceder temporalmente unidades de automoción xa retiradas da circulación. Deste xeito, pódense cubrir as necesidades formativas dos centros de FP que o soliciten e asuman a responsabilidade de evitar riscos ambientais durante a actividade formativa.
En concreto, os vehículos fóra de uso entregados non poderán superar os 20 por centro formativo e ano, coa previsión de que a súa presencia nas instalacións educativas poida chegar aos dous anos de duración, agás que se autorice posteriormente un maior tempo.
Esta colaboración remóntase ao ano 2021, cando se asinou o primeiro convenio con vixencia por catro anos. Así, a través da addenda, as partes implicadas prolongarán por catro anos máis, ata 2029, esta experiencia porque entenden que está a servir para axudar na formación práctica do alumnado galego en materia de transporte e mantemento de vehículos.
A Consellería de Medio Ambiente permite que os Centros Autorizados para o Tratamento de Residuos poidan ceder temporalmente aos centros dependentes da Consellería de Educación os vehículos para usar na aprendizaxe práctica do alumando. Unha vez finalizado o período formativo, os vehículos volverán as instalacións dos centros asociados en Travega, que procederán a súa xestión final como residuos.
As partes implicadas neste acordo destacaron que durante o ano 2024 foron cedidos un total de 146 vehículos por parte de 12 Centros Autorizados de Tratamento co obxectivo de facilitar estas prácticas formativas en centros de formación profesional.

