Ángeles Vázquez lamenta que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico se dirixa a Galicia para censurar que non repercuta integramente os novos impostos estatais ás entidades locais sen valorar a súa situación económica
Os servizos xurídicos analizarán o alcance e posibles repercusións do rexeitamento estatal ás medidas adoptadas para non repercutir todo o incrementos aos concellos
Decenas de municipios mostran o seu apoio á decisión do Goberno galego de asumir o 60% da actualización do canon que pagan polo tratamento dos seus residuos, obrigada polas decisións fiscais e unilaterais do Executivo de Pedro Sánchez
A responsable autonómica denuncia o intento do Ministerio de repercutir ás comunidades o sancionador da Comisión Europea contra España e de utilizar con tal fin datos “terxiversados” sobre a reciclaxe e a xestión do lixo doméstico en Galicia
A Xunta reprochou esta mañá as políticas adoptadas nos últimos anos polo Goberno central en materia de residuos municipais e, en particular, o seu rexeitamento á recente decisión de Galicia de asumir este ano parte da actualización do canon de Sogama derivada dos novos impostos estatais e da retirada de incentivos á planta de Cerceda.
Así o advertiu hoxe en rolda de prensa a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, que como mostra da necesidade de apoiar ás entidades locais, anunciou que un total de 280 concellos (é dicir, o 95% dos adheridos ao modelo Sogama) solicitaron acollerse á tarifa reducida ofrecida pola Xunta para aliviar parte do impacto que suporá para as súas arcas a revisión do canon para este 2025. “Isto demostra o seu compromiso coa xestión dos residuos e a eficacia da medida”, engadiu.
Tal e como explicou a responsable autonómica, a finais do mes de xaneiro, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico enviou á Consellería un documento denominado Caso de estudo Sogama para analizar a aplicación que se está a facer en Galicia do novo imposto sobre o vertido e a incineración.
Tras advertir de que os servizos xurídicos da Consellería analizarán con detalle o alcance e posibles repercusións deste estudo, Ángeles Vázquez lamentou que o Estado ignore as dificultades que están a pasar moitas administracións locais e defenda como única opción que se repercuta sobre elas o 100% dos novos impostos estatais de residuos co argumento de que asumilos en parte pola Xunta “contravén o efecto” co que foron concibidos e de que “non está claro que esta vía sexa a máis efectiva”.
Por iso e co fin de darlles voz aos principais afectados, a Xunta decidiu informar por carta ao 295 concellos adheridos a Sogama da oposición do Goberno central ás medidas adoptadas pola Xunta con relación ao canon de 2025 e que permitirán que os municipios que acrediten unha redución dos refugallos ou un incremento da reciclaxe paguen 83 euros por cada tonelada de lixo enviada a Cerceda en lugar dos 108 €/Tn da tarifa oficial.
A raíz desta consulta, a conselleira explicou que no último mes se recibiron decenas de respostas por parte dos concellos nas que amosaban maioritariamente o seu apoio á decisión de aliviar nun 60% o incremento do canon derivado das novas obrigas impositivas, porcentaxe que será asumida directamente pola Xunta.
Fronte á “persecución” do Goberno central a Galicia e tras avanzar que a Consellería seguirá defendendo os sistemas de xestión de residuos “que funcionan ante España e Europa”, Ángeles Vázquez indicou que trasladará as alegacións dos concellos galegos ao Ministerio para que coñeza de primeira man a súa opinión e a vontade manifesta de contribuír a mellorar as cifras de reciclaxe a cambio de recibir o apoio da Xunta.
Ameaza de repercutir a sanción da CE
A responsable autonómica denunciou tamén o intento do Goberno central de repercutir ás comunidades o expediente sancionador aberto pola Comisión Europea contra España por incumprimentos en materia de residuos.
Concretamente e para incidir unha vez máis nesa “persecución” a Galicia, lembrou que o 30 de xaneiro o secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, remitiulle unha carta amosando a súa preocupación polos datos galegos en materia de residuos, aos que responsabiliza de que a nivel nacional se estean desviando dos obxectivos europeos.
Tras incidir en que nesta mesma carta advirte a Galicia de que terá que asumir o 13% da sanción que impoña Europa baseándose en datos “terxiversados” sobre a xestión do lixo doméstico que se fai na Comunidade, Ángeles Vázquez recordou que “Galicia ten o 5,6% da poboación española e en ningún caso vai facerse cargo desa sanción” xa que cos datos na man “ocupa a sexta posición” nacional en canto a residuos depositados en vertedoiro e “a novena” en cumprimento de obxectivos de reciclaxe. “Lonxe de dar solucións, lamentablemente o Goberno central só pensa en sancións”, asegurou.
En todo caso, Ángeles Vázquez recoñeceu tamén que “hai marxe” para seguir mellorando a posición de Galicia en materia de residuos e avanzar cara ao obxectivo comunitario de acadar unha taxa de reciclaxe do 50%.
Neste sentido, referiuse á convivencia na Comunidade galega de tres modelos de xestión de residuos con resultados desiguais. A modo de exemplo, explicou que no caso de Nostián a porcentaxe de residuos a vertedoiro (o último elo e o menos recomendable na xerarquía de residuos) é do 50%, no modelo xestionado pola Mancomunidade Serra do da Barbanza elévase ao 61% e no caso de Sogama redúcese ata o 22%.
Apoio aos modelos que cumpren e nova metodoloxía
A conselleira explicou que para cumprir cos obxectivos que marca a directiva europea en materia de residuos hai que seguir traballando e avanzando, o que pasa necesariamente “por defender os sistemas de xestión que cumpren” e por axudar a que aqueles que actualmente non cumpren, como é o caso dos modelos húmido-seco, incorporen a recollida separada das distintas fraccións, motivo polo que a Consellería se dirixiu por carta recentemente aos responsables de Nostián e de Barbanza para instalos a adoptar de inmediato medidas efectivas para reverter os seus actuais datos de residuos.
Ao respecto, lamentou que a día de hoxe e a pesar das numerosas advertencias, A Coruña sexa “a única gran cidade española que non separa aínda envases e briks”, unha obriga vixente desde o 1 de xaneiro de 2024 e que xustifica o expediente sancionador aberto pola Xunta a semana pasada contra o concello. “É imposible que os coruñeses poidan reciclar se non lles pos na rúa contedores para depositalos”, incidiu.
Por último e como medida complementaria para seguir mellorando a ratio de reciclaxe de residuos de Galicia, Ángeles Vázquez avanzou que o seu departamento traballa nunha actualización e mellora da metodoloxía aplicable para calcular as taxas de recuperación das distintas fraccións de residuos e, particularmente, dos biorresiduos.
Así, explicou que nos últimos anos a Xunta repartiu arredor de 33.500 composteiros de residuos orgánicos por toda a Comunidade pero non se sabe canto material se deposita neles, polo que a nova metodoloxía permitirá cuantificar a materia orgánica recuperada e que se converte en compost que acaba sendo reutilizado.