- Xosé Merelles participou hoxe na apertura do XXX Capítulo Xeral da Orde do Camiño de Santiago no marco da promoción e defensa dos valores xacobeos e da difusión internacional do Camiño
- O acto reúne en Santiago a representantes de 20 países e investirá 55 novos Cabaleiros e Damas que actuarán como embaixadores internacionais do Camiño
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe na apertura do XXX Capítulo Xeral da Orde do Camiño de Santiago, o acto anual máis relevante desta institución, que se celebra tradicionalmente en Santiago de Compostela coincidindo coas festividades do Apóstolo e que este ano ten o lema ‘Las rutas de peregrinación como impulsoras del turismo global’. A Xunta reafirma así o seu apoio ás iniciativas que contribúen á promoción internacional do Camiño de Santiago e á difusión dos valores xacobeos de cara á celebración do Xacobeo 2027.
Nesta edición do Capítulo Xeral están representados 20 países e procederase á investidura de 55 novos Cabaleiros e Damas da Orde, persoas procedentes dos ámbitos empresarial, académico, político e turístico que exercerán como prescritores do Camiño de Santiago nos seus respectivos países. O encontro analizou a dimensión cultural, relixiosa e turística das peregrinacións, ao mesmo que favoreceu o intercambio de experiencias entre países e a proxección internacional da ruta xacobea.
Na súa intervención, Xosé Merelles puxo en valor a importancia de internacionalizar o Camiño de Santiago, pois “máis do 66% dos peregrinos que se achegan a Galicia son estranxeiros”. Ademais, destacou as distintas actividades propostas que valoran o espírito xacobeo, entre elas a solemne investidura de Damas e Cabaleiros da Orde.
O director de Turismo de Galicia tamén destacou “o apoio da Xunta á Orde do Camiño de Santiago, enmarcado na estratexia de internacionalización e diversificación da ruta xacobea, contribúe a consolidar o Camiño como un destino cada vez máis atractivo, como reflicten os datos de peregrinación”. No que levamos de ano, máis de 275.000 peregrinos recolleron a Compostela, un 5% máis que no mesmo período do ano anterior.
Estados Unidos establécese como principal mercado emisor de peregrinos, seguido de Italia, Alemaña, Portugal e Reino Unido. Xosé Merelles resaltou o “continuo avance da diversificación das rutas xacobeas, cun incremento destacado do Camiño Portugués da Costa cun 22%, o que consolida un modelo de desenvolvemento sostible e equilibrado polo territorio”.
“Desde Turismo de Galicia, cremos que a celebración do XXX Capítulo Xeral da Orde do Camiño de Santiago reforza a proxección internacional do destino Galicia e contribúe á creación de novas redes de colaboración e promoción exterior nun momento clave para a preparación do Xacobeo 2027. O impulso destas iniciativas é esencial para a promoción e defensa dos valores xacobeos e para fomentar un Camiño sostible e de calidade”, engadiu.
Orde do Camiño de Santiago
A Orde do Camiño de Santiago é unha institución de carácter honorífico e cultural cuxo obxectivo principal é a promoción e defensa dos valores do Camiño de Santiago. Conta actualmente con máis de 1.700 membros procedentes de 38 países e constitúe unha importante ferramenta de diplomacia cultural ao servizo da promoción internacional do destino Galicia e da tradición da ruta xacobea.
A súa actividade contribúe a fortalecer os vínculos entre asociacións e colectivos xacobeos de todo o mundo e a impulsar un modelo de Camiño sustentable, de calidade e baseado en valores como a hospitalidade, a solidariedade, a xenerosidade, o esforzo e o respecto polo patrimonio cultural e etnográfico.

