- Na súa 35ª edición, a iniciativa contou con preto de 100 participantes de sete países e xa suma máis de 3.500 beneficiarios ao longo da súa traxectoria
- O conselleiro felicitounos por completar a ruta xacobea e sinalou que a súa chegada a Compostela supón non só o final do traxecto, senón tamén o inicio dun reencontro máis profundo coa súa identidade e coas súas raíces
- Tamén lles lembrou que Galicia sempre terá as portas abertas para quen desexe regresar, no marco das medidas que promove a Xunta a través da Estratexia Galicia Retorna 2025-2030
- Unha vez rematada a experiencia oficial, as persoas que así o desexen poderán prolongar a súa estadía ata 15 días máis, co fin de reforzar os vínculos familiares e seguir explorando a súa identidade galega
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu esta mañá en Santiago ao grupo de participantes da presente edición do programa Conecta con Galicia no Camiño, unha iniciativa da Xunta de Galicia na que tomaron parte preto de 100 mozos e mozas galegos procedentes de sete países.
O titular de Emprego puxo en valor esta iniciativa, que acada xa a súa 35ª edición e que suma máis de 3.500 participantes ao longo da súa traxectoria, destacando o seu papel como ponte entre a mocidade galega do exterior e a realidade actual de Galicia.
Durante a súa intervención, o conselleiro felicitou os participantes por completar o Camiño de Santiago e sinalou que a súa chegada a Compostela supón non só o final dunha ruta, senón tamén o inicio dun reencontro máis profundo coa súa identidade e coas súas raíces. Tamén lles lembrou que Galicia sempre terá as portas abertas para quen desexe volver, ben sexa para estudar, traballar ou iniciar un novo proxecto de vida. Nese sentido, referiuse a programas de apoio ao retorno como as Bolsas Beme ou o Retorna Cualifica Emprego.
Conecta con Galicia no Camiño
Organizado pola Secretaría Xeral da Emigración en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, o programa ofrece a mozos e mozas galegos de entre 18 e 21 anos, residentes no exterior, a oportunidade de coñecer Galicia a través da experiencia do Camiño de Santiago. O obxectivo principal desta iniciativa é reforzar os vínculos da mocidade galega do exterior coa súa terra de orixe, favorecendo o contacto coa cultura, historia e realidade actual de Galicia. Para moitos deles, trátase da súa primeira visita ao país dos seus devanceiros. Ademais, este ano ofreceuse a posibilidade de que mozos e mozas galegos compartiran esta experiencia con rapazada residente en Galicia, fomentando así o intercambio cultural.
Durante a estadía, os participantes aloxáronse nas residencias xuvenís Altamar (en Vigo) e Florentino López Cuevillas (en Ourense), ambas xestionadas pola Dirección Xeral de Xuventude da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Dende estes puntos, os grupos realizaron a pé máis de 100 quilómetros do Camiño de Santiago: uns polo Camiño Portugués e outros pola Vía da Prata, en función do seu lugar de aloxamento.
A participación neste programa insírese nas 11.630 prazas que a Xunta de Galicia ofrece dentro da súa programación estival de 2025, a máis ampla da historia, e que inclúe tamén campamentos, minicampamentos Coñece Galicia, actividades para maiores de 18 anos e o uso das instalacións xuvenís autonómicas.
Ademais do percorrido xacobeo, o programa incluíu actividades complementarias para achegar aos mozos e mozas o patrimonio cultural galego, a situación socioeconómica actual e o sistema universitario da comunidade, ofrecéndolles unha visión completa e actualizada da Galicia do século XXI.
Unha vez rematada a experiencia oficial, os participantes que así o desexen poderán prolongar a súa estadía ata 15 días máis, co fin de reforzar os vínculos familiares e seguir explorando a súa identidade galega.