- A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, respondeu na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego unha pregunta relativa ao balance da convocatoria 2026-2027, tras o redeseño integral da orde o pasado ano
- Indicou que xa se levan rexistrado solicitudes de 200 entidades para impartir 714 cursos de formación en 75 concellos galegos e se concederon 495 accións formativas dirixidas a máis de 7.400 persoas desempregadas
- Por temáticas, destacan as vencelladas á atención sociosanitaria, administración e xestión, docencia, loxística, metal, comercio e hostalaría, en liña cos sectores onde o tecido produtivo galego presenta maiores necesidades de persoal cualificado
- A convocatoria complétase con outras deste ano como o programa ‘Galicia Suma Talento: Emprégate’ (19,7 M€), que inclúe incentivos á contratación daquelas persoas que nos últimos dous anos remataran —entre outras— accións AFD
A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, respondeu hoxe na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento unha pregunta relativa ao balance das accións formativas do Sistema de Formación Profesional para persoas desempregadas (AFD), tras o seu redeseño integral e a recente ampliación do crédito da segunda convocatoria para as anualidades 2026-2027, que pasou dos 40 aos 60 M€ debido á elevada demanda rexistrada.
Durante a súa intervención, a directora xeral salientou o impacto desta convocatoria —co prazo aberto ata o 30 de novembro ou ata o esgotamento do crédito—, que xa rexistrou solicitudes de 200 entidades para impartir 714 cursos de formación en 75 concellos galegos. Neste marco, indicou que se concederon 495 accións formativas dirixidas a máis de 7.400 persoas desempregadas, das que unha parte significativa xa se atopaba iniciada no momento da ampliación do crédito. Co reforzo orzamentario, a previsión da Xunta é superar as 10.700 persoas beneficiarias. Por ámbitos formativos, destacou especialmente o peso das accións vinculadas á atención sociosanitaria, administración e xestión, docencia, loxística, metal, comercio e hostalaría, en liña cos sectores onde as empresas galegas presentan maiores necesidades de persoal cualificado.
Zeltia Lado encadrou estes resultados no redeseño integral desta orde iniciado en 2025 e baseado en tres piares fundamentais: unha oferta flexible e modulable que combina microformacións de grao A —de 30 a 40 horas—, módulos de grao B —de 200 a 300 horas— e graos C completos ou Certificados Profesionais —de 600 a 1.000 horas e con formación dual obrigatoria do 25 %—; o compromiso previo das entidades formativas de contar cun mínimo do 30 % do alumnado antes do inicio das accións; e a desestacionalización da oferta, mediante convocatorias abertas durante boa parte do ano, co obxectivo de responder con maior axilidade ás necesidades reais do mercado laboral.
Baixo este novo enfoque, salientou que a primeira convocatoria AFD 2025-2026 acadou os mellores rexistros históricos da serie, cun 93,4 % de accións iniciadas sobre as concedidas e unha media de 15,6 alumnos por curso, mellorando os datos das convocatorias precedentes tanto no número de accións iniciadas como na participación. Neste contexto, a directora xeral tamén puxo en valor o papel das oficinas de emprego e da ferramenta EMi, que permite dispoñer xa do perfilado competencial de arredor de 103.000 persoas demandantes de emprego, co fin de adaptar a formación ás necesidades concretas de cada territorio e sector produtivo.
Ecosistema de formación para o emprego
A responsable autonómica explicou que esta medida —combinada coas ordes dirixidas á formación de persoas ocupadas— responde a un modelo integral que aposta por unha oferta formativa flexible, aliñada coas necesidades reais das empresas e orientada a mellorar a empregabilidade das persoas traballadoras.
Neste senso, puxo en valor o programa Galicia Suma Talento: Emprégate, dotado con 19,7 M€, que por primeira vez inclúe incentivos á contratación das persoas desempregadas que nos últimos dous anos remataran accións AFD, obradoiros de emprego ou programas integrados de emprego. Finalmente, no marco da renovación das políticas activas de emprego, Zeltia Lado destacou tamén a aprobación do decreto pioneiro en España para a regulación das microcredenciais no ámbito da formación para o emprego, unha ferramenta que permitirá avanzar cara a unha formación máis áxil e adaptada ás necesidades cambiantes do tecido produtivo.

