A Xunta salienta o rol da industria do papel para avanzar á economía circular e na consecución dos obxectivos climáticos de Galicia

Redacción
  • Ángeles Vázquez sinala que o papel é un material  especialmente axeitado para os principios da economía circular xa que é renovable, reciclable, biodegradable e reintegrable en novos ciclos produtivos
  • Sinala que a Papeleira de Brandia é unha proba de que é posible impulsar o crecemento económico e a creación de emprego ao tempo que se promove un uso máis eficiente dos recursos, se reducen as emisións e se incorporan os principios da economía circular á actividade industrial
  • A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou hoxe a importancia do rol da industria do papel para avanzar cara a un modelo de economía circular e na consecución dos obxectivos climáticos de Galicia.

De feito, durante a visita que realizou esta mañá ás instalacións da empresa Papeleira de Brandia, en Santiago de Compostela, a conselleira sinalou que o papel é un material  especialmente axeitado para os principios da economía circular xa que é “renovable, reciclable, biodegradable e reintegrable en novos ciclos produtivos”.

Así mesmo, Ángeles Vázquez engadiu que o sector papeleiro presenta importantes capacidades para avanzar na optimización do uso de materias primas e recursos naturais e na mellora da eficiencia enerxética e na redución de consumos. Ademais, pode prestar especial atención a aspectos como a prevención, separación e valorización dos residuos xerados no proceso produtivo, así como á reciclaxe e á reutilización do papel como materia prima secundaria.

Nese senso, a conselleira avogou polo compromiso ambiental do tecido empresarial galego a través dunha aposta sólida pola sostibilidade, a economía circular, a eficiencia no uso dos recursos e a redución do seu impacto na contorna para avanzar cara a un modelo “máis responsable e resiliente”.

No caso concreto da Papeleira de Brandia, a conselleira sinalou que é unha proba de que é posible impulsar o crecemento económico e a creación de emprego ao tempo que se promove un uso máis eficiente dos recursos, se reducen as emisións e se incorporan os principios da economía circular á actividade industrial.

Máis polo miúdo, esta empresa conta con certificacións que garanten a trazabilidade da madeira empregada e a súa procedencia de bosques xestionados de forma responsable, así como con recoñecementos internacionais en materia de xestión ambiental, eficiencia enerxética e cálculo da pegada de carbono.

Nesa liña, cómpre indicar que nos últimos anos impulsou actuacións para modernizar as súas instalacións e reducir a súa pegada ambiental. Entre esas accións destacan a renovación da planta de coxeración para mellorar o rendemento enerxético e diminuír o consumo de gas natural; a incorporación dun queimador de baixa emisión para reducir as emisións á atmosfera e a implantación de varias medidas para minimizar o impacto acústico da súa actividade.

Para concluír, a conselleira destacou que a Xunta sempre brindará o seu apoio a iniciativas que, como a que visitou hoxe en Santiago de Compostela, estean aliñadas cos obxectivos da Estratexia Galega de Economía Circular en materia de prevención, preparación para a reutilización e reciclaxe de residuos, uso eficiente dos recursos e das materias primas, impulso á innovación ambiental e transición cara a unha economía descarbonizada.

Comparte este artigo