A directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, xunto co director da Xera, participaron hoxe na clausura do Grupo Provincial de Rematantes e Aserradoiros de Madeira de Pontevedra, onde sinalaron que a nosa comunidade está consolidada como un referente no sector forestal
A directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, xunto co director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, participaron hoxe no acto de clausura do Grupo Provincial de Rematantes e Aserradoiros de Madeira de Pontevedra. Alí, salientaron o compromiso da Xunta por garantir un aproveitamento sustentable dos recursos forestais galegos.
Luisa Piñeiro sinalou que a nosa comunidade está consolidada como unha potencia no sector forestal no ámbito nacional, xa que Galicia acumula máis da metade das cortas de madeira de todo país, situándose tamén como unha das principais rexións europeas neste eido. Ademais, lembrou que a riqueza do bosque galego está cifrada en máis de 43.000 millóns de euros.
Asegurou que o Goberno autonómico seguirá a traballar nesta liña, impulsando novas iniciativas para aproveitar a potencialidade deste sector, cuxa facturación anual ascende ata os 2.500 millóns de euros, dun xeito sustentable e respectuoso co medio ambiente.
Neste sentido, lembrou iniciativas como o Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”, o Programa Estratéxico do Castiñeiro ou o impulso ás agrupacións forestais de xestión conxunta e á silvicultura produtiva, que contribuirán a seguir avanzando neste obxectivo.
Transformación do produto
Pola súa banda, Alfredo Fernández Ríos subliñou que o Goberno está a impulsar a través da Xera un programa de axudas que contemplan todos os elos da cadea e un amplo abano de tipoloxías de investimentos: desde maquinaria para tratamentos silvícolas e aproveitamentos forestais; para a primeira e segunda transformación, ou para a dixitalización de procesos. Tamén para a realización de ensaios, a obtención de certificacións e mesmo para a mellora da seguridade e saúde no contorno laboral e o ecodeseño de produtos e materiais.
O director da Xera precisou finalmente que, dentro da industria da transformación da madeira, Galicia produce o 43 por cento da madeira serrada en España, fundamentalmente de piñeiro (preto dun 80 por cento). A industria do taboleiro, referente a nivel nacional, representa o 33 por cento da produción a nivel estatal; a pasta, en torno ao 25 por cento; e a biomasa producida en Galicia, máis do 12 por cento dos biocombustibles de orixe forestal.

