HomeXunta de GaliciaA Xunta salienta que a xestión sostible dos residuos eléctricos e electrónicos...

A Xunta salienta que a xestión sostible dos residuos eléctricos e electrónicos ofrece unha oportunidade de negocio e emprego verde para as empresas galegas

- Anuncio -spot_img
  • Ángeles Vázquez subliña que a actividade dos xestores privados que asumen a reciclaxe e a reutilización dos RAEE demostra que a economía circular é unha realidade en Galicia
  • Pon a Revertia como exemplo deste modelo de negocio logo de que as actuacións de xestión de residuos que levou a cabo en 2024 permitisen un aforro de auga equivalente ao consumo de máis de 2.300 habitantes
  • Insiste na importancia de concienciar tamén á cidadanía da necesidade de facer unha xestión adecuada destes refugallos para evitar impactos ambientais e sociais

A Xunta salienta que a xestión sostible dos residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEES) ofrece unha oportunidade de negocio e emprego verde para as empresas galegas.

Tal e como explicou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante a visita que realizou hoxe ás instalacións de Revertia, no Porriño, a actividade dos xestores privados que asumen a reciclaxe e a reutilización dos RAEE demostra que a economía circular é unha realidade en Galicia.

Nese senso, estes xestores, ademais de transformar os residuos en recursos, favorecendo a recuperación de materiais valiosos e a redución do impacto ambiental, tamén xeran innovación, emprego e valor engadido, contribuíndo a un modelo produtivo máis sostible e competitivo.

Durante a súa visita, a conselleira subliñou que é clave garantir unha xestión sostible deste tipo de aparellos para avanzar cara a un progreso verde por parte do tecido empresarial galego. E, nesa liña, puxo a Revertia como exemplo de como a xestión dos residuos de RAEE pode converterse nunha oportunidade de negocio sostible.

En concreto, as actuacións de xestión de residuos levadas a cabo por Revertia en 2024 permitiron evitar a emisión de 685 toneladas de CO₂ á atmosfera, equivalente a máis de 3.385.000 quilómetros recorridos por un vehículo ou consumo enerxético de 762 fogares durante un ano. Así mesmo, tamén permitiu aforrar 157.422 metros cúbicos de auga, o equivalente a un consumo medio de mais de 2.300 habitantes durante un ano ou a 52 piscinas olímpicas.

Deste xeito, Revertia, que centra a súa actividade na preparación para a reutilización de equipos informáticos e electrónicos, realizou o ano pasado 2.380 retiradas de residuos e xestionou correctamente 894 toneladas deste tipo de refugallos.

Máis polo miúdo, esta empresa ofrece solucións integrais que inclúen desde a recollida ata a expedición de equipos para a súa reutilización -ben con fins sociais ou ben a través da súa plataforma de venda en liña-, pasando por un diagnóstico do estado do aparello, desmontaxe, instalación de software, borrado de datos, reacondicionamento e almacenamento. No caso daqueles aparellos moi antigos ou danados, avalían os materiais que se poden reciclar e envíanse ás correspondentes plantas de reciclaxe.

O compromiso ambiental de Revertia reflectiuse coa súa adhesión á Alianza Galega polo Clima, iniciativa posta en marcha pola Xunta co obxectivo de coordinar sinerxías entre institucións, empresas e entidades sociais para avanzar conxuntamente na loita contra o cambio climático.

A maiores, con motivo do Día mundial dos RAEE, que se celebra esta semana, a conselleira insistiu na importancia de concienciar tamén á cidadanía da necesidade de facer unha xestión adecuada destes residuos para evitar impactos ambientais e sociais.

Cómpre lembrar que estes residuos conteñen materiais tóxicos que poden danar o medio ambiente e valiosos recursos que deben ser recuperados, promovendo prácticas responsables entre consumidores e produtores. De feito, a Xunta aposta por reducir estes refugallos mediante a implicación de todos os actores: produtores, empresas de reciclaxe, concellos e SCRAPs.

Publicacións Relacionadas