A Xunta +selecciona unha trintena de concellos de menos de 20.000 habitantes para optimizar as súas redes de abastecemento grazas ao uso das novas tecnoloxías

adminON
Lectura mínima de 5

— Adxudicados por 5,3 M€, os traballos incluídos no Plan de dixitalización da xestión do ciclo integral da auga empezarán en outono e deberán completarse en xuño de 2026

— Ángeles Vázquez salienta entre as actuacións destacadas a desenvolver a posta en marcha en Galicia de 440 estacións dixitais de medición e rexistro dos sistemas e de centros de datos locais para xestión e control remoto dos parámetros monitorizados

— Destaca a aposta de Vilarmaior polos servizos relacionados coa auga, xa que nos últimos anos recibiu 85,5 €/habitante en axudas para mellorar o seu funcionamento

A Xunta, a través do organismo hidráulico Augas de Galicia, acaba de seleccionar 27 concellos galegos de menos de 20.000 habitantes para empezar a traballar da man co obxectivo de optimizar o funcionamento dos seus sistemas de abastecemento en alta a través da aplicación e do aproveitamento das novas tecnoloxías.
Así o adiantou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante unha visita ao concello coruñés de Vilarmaior, un dos escollidos para participar nesta iniciativa pioneira despois de amosar o seu interese en poder participar no procedemento convocado polo Goberno galego a finais do pasado mes de xuño.
Adxudicado hai uns días por un importe de 5,3 millóns de euros —contía cofinanciada con fondos europeos a través do programa NextGenerationUE—, a primeira fase do novo Plan de dixitalización do ciclo integral da auga empezará a executarse este mesmo outono co obxectivo de que todas as actuacións incluídas no contrato estean rematadas e operativas en xuño do ano 2026.
Entre as accións previstas máis destacadas, a responsable autonómica referiuse á posta en marcha dunha Rede autonómica de estacións dixitais de medición e rexistro que permitirá a monitorización dos sistemas de abastecemento de auga potable en alta dos concellos.
A previsión é chegar a 440 estacións repartidas por toda a Comunidade para rexistrar en tempo real os parámetros máis relevantes para a prestación do servizo, mellorando así o coñecemento que se ten sobre o uso e o aproveitamento dos recursos hídricos.
Toda esta información, á súa vez, canalizarase a través dunha aplicación informática (os centros de xestión de datos locais) que se porá á disposición de cada concello participante para xestionar os datos das estacións e á vez, levar a cabo un control remoto e a visualización en tempo real da evolución de distintos parámetros, polo que se converterá nunha ferramenta moi útil para os xestores municipais deste servizo.
Así mesmo, os traballos completaranse cunha nova plataforma de xestión de datos a nivel autonómico para acadar a máxima calidade das augas e permitirán replicar en infraestruturas hidráulicas municipais o mesmo modelo dixitalizado que xa funciona en practicamente todas as estacións depuradoras que xestiona de forma directa a Xunta.
Cara ao 100% da dixitalización
“A intención é ir cara ao 100% da dixitalización das redes porque tendo a información, teremos tamén as solucións”, explicou Ángeles Vázquez, quen recordou que as competencias sobre o abastecemento e a depuración de augas son municipais, a Xunta é consciente de que lle corresponde “estar ao seu carón” e axudar sobre todo a aqueles “que teñen menos recursos”, xustificando así que a primeira fase deste proxecto se centre nos concellos de menos de 20.000 habitantes.
De feito, aos 27 municipios participantes nesta primeira fase —17 deles coruñeses, 4 ourensáns, 3 de Lugo e 3 de Pontevedra—, explicou que se agarda que se poidan unir progresivamente moitos máis, así como estender “esta nova etapa de dixitalización” tamén ás redes de saneamento e depuración de augas residuais municipais.
Por último, a conselleira quixo facer un recoñecemento especial ao compromiso demostrado polo alcalde de Vilarmaior, Carlos Vázquez, coa mellora dos servizos relacionados coa xestión da auga. Un traballo que, explicou, tamén se reflicte nas axudas concedidas nos últimos anos a este municipio coruñés, que recibiu unha media de 85,5 euros por habitante desde 2021 a través das diferentes liñas de subvencións convocadas por Augas de Galicia en materia de abastecemento e saneamento.

Comparte este artigo