HomeXunta de GaliciaA Xunta traballa co sector para aproveitar as oportunidades que ofrece a...

A Xunta traballa co sector para aproveitar as oportunidades que ofrece a transformación industrial derivada da aposta por un modelo de economía circular

- Anuncio -spot_img
  • María José Echevarría salienta que neste momento de escaseza de certas materias primas a nivel mundial é fundamental optimizar o aproveitamento dos recursos e tirar de enxeño para utilizar refugallos ou subprodutos que antes se desbotaban
  • Galicia aspira a liderar o proceso de transformación actual neste eido fundamentando a toma de decisións no coñecemento técnico do sector
  • O Executivo galego lembra que as taxas españolas de recuperación e reciclaxe de residuos industriais están por debaixo da media europea e subliña que é preciso impulsar o ecodeseño e a ecoinnovación para abrir novas vías de negocio e mercados

A directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría, animou hoxe ás empresas galegas a aproveitar as oportunidades que ofrece a transformación industrial que se está a vivir na actualidade como consecuencia da aposta global por un modelo de economía circular.

A representante da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático explicou durante a inauguración do Encontro sobre capacidades de tratamento de residuos industriais de Galicia que nun momento no que escasean certas materias primas a nivel mundial, e ademais son caras, é fundamental optimizar o aproveitamento dos recursos dispoñibles e tirar de enxeño para utilizar refugallos ou subprodutos que antes se desbotaban.

Nesta liña, incidiu en que as taxas españolas de recuperación e reciclaxe de residuos industriais, así como de uso circular de materiais, están por debaixo das rexistradas na Unión Europea e que é necesario afondar en eidos como o ecodeseño ou a ecoinnovación para abrir novas vías de negocio e chegar a novos mercados.

María José Echevarría salientou que a Xunta traballa coas empresas co fin de lograr unha diferenciación e que Galicia poida liderar o proceso de transformación vixente. Para logralo, sinalou, é importante ter unhas directrices claras e fundamentar o proceso de toma de decisións sobre a base de coñecemento técnico do sector.

Neste sentido, a directora xeral lembrou que a Comisión Europea fixo unha chamada a apoiar aos axentes recicladores na transición cara a unha economía circular co fin de facer fronte a desafíos como os altos custos da enerxía, os desequilibrios de prezos entre materias primas recicladas e primarias, a competencia desleal das importacións e o desaxuste entre a capacidade de reciclaxe e a demanda de produtos reciclados.

Por iso, defendeu, son necesarias medidas áxiles, un marco normativo estable e favorable, incentivos á innovación e un cambio de mentalidade en empresas e consumidores co fin de incrementar a demanda de materiais reciclados e a creación de novos produtos en liña cos principios da economía circular.

Plan de residuos industriais

Precisamente, o Plan de Residuos Industriais de Galicia 2030, no que se enmarca esta xornada ao abeiro da Oficina de Economía Circular Industrial, ten como obxectivo avanzar cara a sostibilidade desde a prevención e a mellora da xestión dos residuos industriais na comunidade. De feito, o encontro busca acadar unha planificación máis realista, anticipada e compartida do tratamento dos refugallos que xeran as empresas.

O evento serviu para presentar os eixos do Priga 2030 relacionados coa planificación e a metodoloxía empregada para estimar a capacidade real de tratamento de cada fluxo. A maiores, abordouse a creación dun grupo técnico de traballo estable para incidir en cuestións como unha análise do estado real da capacidade de tratamento de residuos industriais en Galicia ou a identificación de fraccións con pouca presenza no mercado actual, residuos emerxentes ou problemáticos e determinar que infraestruturas inexistentes son necesarias.

A actividade deste grupo tamén permitirá definir unha folla de ruta técnica que sirva de guía para a toma de decisións sobre novas instalacións, ampliacións ou o axuste de investimentos e crear unha liña de contacto permanente entre a Administración e os operadores do sector.

De feito, na xornada avaliáronse os retos aos que se enfronta o sector, as experiencias existentes e os seguintes pasos a dar pola Oficina de Economía Circular Industrial co fin de dar resposta aos desafíos actuais das empresas.

Publicacións Relacionadas