— A directora xeral de FP visita o centro coa secretaria xeral do Ministerio e representantes de INDITEX para amosarlle as súas potencialidades
— Converteríase no primeiro centro en contar con esta distinción na familia profesional de Téxtil, Confección e Pel
— A rede está formada por 40 centros en toda España, dos que dous son galegos
— Galicia conta tamén con seis centros na Rede Estatal de Excelencia da FP
A Xunta de Galicia traballa na candidatura para que o Centro Integrado de FP Paseo das Pontes da Coruña sexa recoñecido como Centro Nacional de Referencia de FP. A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, visitou hoxe o centro coa secretaria xeral de FP do Ministerio, Esther Monterrubio, e representantes de INDITEX precisamente para amosar as potencialidades do Paseo das Pontes, centro da Xunta, e avanzar nos detalles para que esta declaración se faga realidade.
Deste xeito, o centro coruñés sería o primeiro en acadar este recoñecemento estatal na familia profesional de Téxtil, Confección e Pel, na que aínda non hai ningún Centro Nacional de Referencia. Galicia xa acadou esta distinción para dous centros na familia profesional Marítimo-Pesqueira, na que os únicos dous centros nacionais de referencia de toda España son o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA, A Illa de Arousa) e o Instituto Marítimo Pesqueiro do Atlántico (Vigo), ambos dependentes da Consellería do Mar.
A Rede de Centros de Referencia Nacional está conformada por 40 centros de toda España. Son centros públicos que facilitan unha formación competitiva, realizan accións de innovación e experimentación, especializados nun determinado sector produtivo, no caso do Paseo das Pontes na moda, cunha estreita colaboración coa firma INDITEX, de referencia a nivel nacional neste eido. Os centros de referencia nacional son, por tanto, punteiros na súa área e fomentan a investigación e a innovación para dar resposta ás necesidades do tecido económico.
Cómpre lembrar, ademais, que Galicia conta con seis centros na Rede Estatal de Excelencia da Formación Profesional, polo que se sitúa no grupo de comunidades líderes neste eido. Contan con esta distinción os centros integrados de FP Universidade Laboral (Culleredo), Ánxel Casal-Montealto e Someso (os dous na Coruña), Politécnico de Santiago (Santiago de Compostela), As Mercedes (Lugo) e Carlos Oroza (Pontevedra).
Financiamento específico
A partir desta reunión, necesaria como inicio dos trámites, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP comezará a preparar a documentación da candidatura para elevala ao Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes.
O recoñecemento como Centro Nacional de Referencia supón un financiamento específico por parte do Ministerio para o desenvolvemento dos plans de traballo a través dos que executan os seus obxectivos. Entre as funcións destes centros están a estreita colaboración co tecido socioeconómico da contorna e colaborar na actualización do Catálogo Nacional das Cualificacións Profesionais, así como nos procesos de avaliación e acreditación de competencias.
Por outra banda, contribúen ao deseño e desenvolvemento de plans de perfeccionamento técnico e metodolóxico dirixidos aos docentes, expertos e orientadores, así como aos avaliadores que interveñen en procesos de recoñecemento de competencias profesionais, entre outras competencias.

