A Xunta tramita a primeira solicitude de concesión de ocupación do dominio público para cambiar o uso dun dos bens catalogados no litoral

Redacción
  • A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático somete a información pública a petición do Concello de Vimianzo para ocupar unha superficie de 201 m2 na costa co fin de poñer en valor o antigo muíño de mareas de Cereixo como museo etnográfico
  • A proposta e a documentación correspondente poderán consultarse desde mañá no portal de transparencia e os interesados terán 20 días para presentar achegas
  • O Catálogo de bens de valor cultural no litoral de Galicia é unha ferramenta para a protección, conservación e mellora da riqueza patrimonial da franxa costeira coa que se busca promover a recuperación e rehabilitación destes elementos

A Xunta de Galicia está a tramitar a primeira solicitude de concesión administrativa co fin de ocupar unha parte do dominio público marítimo-terrestre (DPMT) para a posta en valor do muíño de mareas de Cereixo, en Vimianzo, —elemento incluído no Catálogo de bens de valor cultural no litoral— e a implantación dun novo uso no mesmo como museo etnográfico.

Así se recolle no acordo publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia polo Servizo do Litoral da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para informar do inicio do procedemento de información pública da solicitude, presentada polo Concello de Vimianzo.

En concreto, o Goberno municipal solicita á Xunta a concesión necesaria para poder ocupar unha superficie de 201,55 metros cadrados no DPMT na que está localizado o antigo muíño de Cereixo, que se pretende recuperar agora mediante un cambio de uso. A proposta e a documentación correspondente estarán dispoñibles para consulta no portal de transparencia da Xunta a partir de mañá e todas as persoas interesadas terán un prazo de 20 días hábiles para presentar as súas posibles achegas e alegacións.

Aprobado polo Consello da Xunta o pasado 30 de marzo, cómpre lembrar que o Catálogo de bens de valor cultural no litoral de Galicia é unha ferramenta para a protección, conservación e mellora da riqueza patrimonial da franxa costeira galega coa que se busca promover actuacións de posta en valor, recuperación e rehabilitación de elementos que pola súa relevancia foron merecedores da súa inclusión no mesmo, en liña cos principios da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia.

Neste sentido, máis da metade dos 2.003 bens que forman parte no conxunto de Galicia deste Catálogo —concretamente, os 1.041 pertencentes ás categorías arquitectónica e industrial—, son susceptibles de sufrir cambios de uso para destinalos a un fin distinto daquel para o que foron orixinalmente concibidos e sempre que os traballos de rehabilitación a executar respecten e preserven os principais valores polos que foron merecedores de catalogación.

O muíño de mareas de Cereixo é un dos bens de tipo arquitectónico incluídos no referido Catálogo no municipio de Vimianzo. Trátase dunha construción do século XVII de tipoloxía produtiva hidráulica e que orixinalmente estaba destinada á moenda de cereais mediante o aproveitamento da enerxía producida polas mareas polo que é un bo exemplo da actividade agroindustrial vencellada á franxa costeira.

A edificación dispón de dúas plantas e cuberta a dúas augas e aínda que o seu estado de conservación actual é deficiente, conserva elementos orixinais como as moas e as canles de entrada da auga.

Comparte este artigo