- Poñendo en valor o modelo Galicia para captar, reter e aproveitar o talento das persoas traballadoras de xeito ordenado e planificado, José González lamentou que non se tivesen en conta as microcredenciais na reforma da Lei de estranxeiría
 - En contraposición, destacou o programa de arraigamento para a formación dirixido a migrantes en situación irregular que, sumando os resultados das dúas edicións, terá acadado a regularización dunhas 280 persoas a través da capacitacion para o emprego
 - O conselleiro aproveitou para instar ao Goberno á convocatoria da comisión mixta de transferencias para o traspaso de competencias das autorizacións iniciais de traballo ou a actualización por parte do SEPE do catálogo dos postos de difícil cobertura
 
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, e polo director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, clausurou hoxe a xornada Oportunidades e desafíos para a integración de persoas solicitantes e beneficiarias de protección internacional a través do emprego organizada pola ONG Rescate Internacional, onde puxo de relevo a colaboración con esta entidade no marco do pioneiro programa de arraigamento para a formación dirixido a migrantes en situación irregular que, sumando os resultados das dúas edicións, terá acadado ao remate do ano a regularización dunhas 280 persoas a través da capacitación para un emprego de calidade, ao tempo que se cubriron vacantes laborais no tecido produtivo galego. Así o dixo o conselleiro nunha intervención na que aproveitou para trasladar ao Goberno central demandas como que rectifique e atenda ás microcredenciais como unha ferramenta clave para a inserción sociolaboral das persoas migrantes.
Así, González lamentou que o Executivo non tivese en conta as microcredenciais na reforma da Lei de estranxeiría, malia que a súa flexibilidade garante —afirmou— unha integración vencellada ao emprego e a cobertura de vacantes en sectores con problemas para atopar man de obra. Nese senso, e no marco do modelo Galicia para captar, reter e aproveitar o talento de xeito ordenado e planificado, destacou as dúas edicións que se teñen convocado do programa de arraigamento baseado precisamente nas microcredenciais, co que as persoas beneficiarias adquiren un compromiso de formación para poder obter unha autorización de residencia e traballo e regularizar a súa situación, á vez que se fai fronte á falta de man de obra en certos eidos. Eidos como o turismo e a hostalaría, a atención sociosanitaria, a construción, a gandaría, a produción agroalimentario ou o mantemento de maquinaria ou a beleza.
Un modelo propio de atracción e retención de talento
O titular de Emprego reafirmouse tamén na petición ao Goberno central para que convoque a comisión mixta de transferencias antes de final de ano e se poida avanzar no traspaso de competencias das autorizacións iniciais de traballo no referido ás persoas traballadoras procedentes de terceiros países. Galicia, sinalou o conselleiro, está en disposición de asumir unhas competencias que serán estratéxicas dentro do Plan de Atracción de Talento. Tamén engadiu que se vén de solicitar ao Executivo por carta, da man das tres universidades públicas galegas, a axilización da homologación de títulos académicos do exterior e referiuse, así mesmo, á actualización do catálogo dos postos de difícil cobertura, unha cuestión fundamental que se trasladou ao Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), pero que segue sen axustarse —dixo— ás novas realidades do mercado laboral.
Todo isto, aseverou, coa mirada posta no papel da Xunta como Administración facilitadora para apoiar sen atrancos a actividade das persoas traballadoras e das empresas, ao tempo que se fai fronte á cobertura de vacantes laborais no tecido produtivo. Nesa liña, en 2026, consolidaranse iniciativas como o programa de arraigamento pero tamén outras como o plan de atracción de talento externo co foco nos emigrantes galegos e con medidas para traballadores de terceiros países. É o caso do Retorna Cualifica Emprego, das bolsas BEME ou das accións no marco dos protocolos de colaboración asinados con catro países hispanoamericanos. Tamén, como novidades, aludiu á futura Oficina de Atracción de Talento ou á orde de 1,5 M€ para rehabilitar vivendas e poñelas a disposición das persoas traballadoras implicadas en programas autonómicos de atracción de talento.

                                    

