A XV Xornada de Cirurxía Coloprotolóxica no CHUP pontevedrés abordará técnicas cirúrxicas para intervir doenzas oncolóxicas colorrectais

Redacción
Lectura mínima de 3
  • Este simposio médico, organizado polo Servizo de Cirurxía Xeral e Dixestiva, celebraráse mañá xoves 16 e o venres 17 de abril no Hospital Montecelo
  • O presidente do comité organizador da Xornada e xefe de servizo de Cirurxía Xeral e Dixestiva, o doutor Aberto Parajó Calvo sinala que este foro trata de transmitir e compartir coñecementos cun debate aberto, abordando os temas de discusión máis actuais da especialidade dun xeito práctico

Profesionais do Servizo de Cirurxía Xeral e Dixestiva do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra organizan por décimo quinto ano a Xornada de Cirurxía Coloproctolóxica, que se celebra entre mañá xoves 16 e o venres 17 de abril de 2026 no salón de actos do Hospital Montecelo.

Nesta edición da xornada, os temas a tratar no programa científico analizarán en mesas redondas e conferencias aspectos de máximo interese coma son a cirurxía oncolóxica do colon dereito, as anastomoses colorrectais baixas e a incorporación da colonoscopia na práctica cirúrxica.

Videoforum de casos

Tamén se desenvolverá un videoforum de casos seleccionados para mostrar co máximo realismo as prácticas cirúrxicas con novedosas técnicas empregadas en distintas patoloxías colorrectais -incluídas as cirurxías aberta, laparoscópica e robótica- e a súa posterior análise, ademais de conferencias sobre cirurxía oncolóxica pélvica e mesas redondas sobre procedementos aplicados en cancro colorrectal. Deste xeito, presentaránse dúas intervencións de cirurxía de enfermedade inflamatoria intestinal e cancro de recto, respectivamente, que se presentarán en vídeo non editado para permitir a súa análise e a interacción continua con moderadores e asistentes.

Segundo sinala o presidente do comité organizador desta Xornada e xefe do servizo de Cirurxía Xeral e Dixestiva do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, o doutor Aberto Parajó Calvo “coma en anteriores edicións, este foro trata de transmitir e compartir coñecementos cun debate aberto, abordando os temas de discusión máis actuais da nosa especialidade dun xeito práctico”.

Inauguración oficial

A XV Xornada de Cirurxía Coloproctolóxica arranca mañá xoves coa inauguración oficial ás 16 horas no salón de actos de Montecelo por parte da directora asistencial da Área Sanitaria de Pontevedra-Salnés, a doutora Yolanda Sanduende Otero e o xefe de servizo de Cirurxía Xeral e Dixestiva do CHUP pontevedrés, o doutor Aberto Parajó Calvo.

Comparte este artigo