Alumnado co CIFP Cantería de Galicia elabora a ntrega dun Templete á Ínsua dos Poetas

Redacción

A peza escultórica, elaborada en granito fino procedente de Lugo e Ourense, supera os 5.000 quilos e acada case os tres metros de altura

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participaron hoxe na inauguración dun templete elaborado por alumnado de Formación Profesional na Ínsua dos Poetas, no Carballiño, o espazo literario e cultural situado na parroquia de Madarnás e xestionado pola Fundación do mesmo nome, impulsada por Luís González Tosar.

En concreto, a escultura foi realizada por alumnado das antigas ensinanzas da Escola de Canteiros, do que hoxe é o Centro Integrado de FP Cantería de Galicia en Poio. Está realizada en granito fino procedente de distintas zonas de Lugo e de Ourense. Esta estrutura ornamental, que imita as liñas dun templo clásico, supera os 5.000 quilos e conta cunha altura de preto de tres metros. 

Eugenia Pérez destacou a importancia de conservar e impulsar os oficios tradicionais, como é o da pedra, moi vinculado á cultura e á economía galega. “Non pode haber lugar máis idóneo para mostrar este templete que este museo vivo ao aire libre concibido para exaltar a lingua, a literatura e a arte galega”, subliñou.

A directora xeral de FP aproveitou para poñer en valor o impulso das ensinanzas de cantería en Galicia a través dun centro de referencia como é o CIFP de Cantería situado en Poio, cun modelo formativo renovado, onde se combina tradición e innovación para dar resposta ás novas demandas do tecido produtivo e favorecer a inserción laboral dos titulados nos ciclos impartidos como son os ciclos básico en Reforma e mantemento de edificios, medio de Pedra natural especializado en cantería e os superiores de Proxectos de edificación e de Modelaxe da información da construción.

Comparte este artigo