Ángeles Vázquez agarda que as últimas sentenzas sobre a xestión eólica da Xunta desbloqueen o sector para garantir o progreso enerxético de Galicia

Redacción
  • A conselleira explica que a Xunta xa conta xa con seis fallos xudiciais -cinco do Tribunal Supremo e un do Tribunal Superior de Xustiza da Unión Europea (TJUE)- a favor do seu modelo de tramitación ambiental eólica
  • Fai fincapé en que nunca se puido demostrar ningún dano ambiental e o TS confirmou que a normativa ambiental foi aplicada de xeito rigoroso e garantista, o que supón un recoñecemento ao traballo feito polos técnicos da Xunta
  • Subliña que Galicia necesita enerxías renovables, coa correspondente seguridade xurídica, para seguir estando á cabeza na redución de emisións de gases de efecto invernadoiro e avanzar cara á descarbonización
  • Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2026.- A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, subliñou hoxe que as últimas sentenzas xudiciais que avalan a tramitación ambiental de proxectos de parques eólicos por parte da Xunta deberían poñer fin ao bloqueo que sofre o sector en Galicia e, deste xeito, garantir o progreso enerxético da Comunidade.

Durante a súa intervención no Parlamento para responder a unha pregunta sobre a sentencia do Tribunal Supremo relativa ao parque eólico de Bustelo, a conselleira explicou que a Xunta conta xa con seis fallos xudiciais -cinco do TS e un do Tribunal Superior de Xustiza da Unión Europea (TJUE)- a favor da súa tramitación ambiental.

Nesa liña, Ángeles Vázquez fixo fincapé en que “nunca se puido demostrar ningún dano ambiental” e o Tribunal Supremo confirmou que a normativa ambiental foi aplicada de xeito rigoroso e garantista, o que supón un “recoñecemento” ao traballo feito polos técnicos da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

En concreto, o Alto Tribunal indica que non houbo fragmentación e que, polo tanto, é técnica e ambientalmente viable, ademais de recomendable, que os parques eólicos compartan instalacións de evacuación de enerxía. Ademais, tamén confirma que sempre se respectou a garantía de efectiva participación da cidadanía nos procedementos ambientais.

Ante esta sucesión de sentenzas, a conselleira incidiu en que o progreso enerxético de Galicia non pode seguir en pausa con miles de megavatios de enerxía eólica paralizados nun momento no que a Unión Europea considera fundamental o desenvolvemento de enerxías renovables para avanzar cara a neutralidade climática. 

Cómpre lembrar que cada megavatio renovable bloqueado supón máis dependencia enerxética exterior, máis dificultade para reducir emisións contaminantes, máis incerteza para o investimento industrial e menos oportunidades de emprego e desenvolvemento.

Nese senso, a conselleira subliña que Galicia necesita enerxías renovables, coa correspondente seguridade xurídica, para seguir estando á cabeza na redución de emisións de gases de efecto invernadoiro e avanzar cara á descarbonización.

Comparte este artigo