- A campaña Van polo Clima pon á disposición dos máis novos en festivais musicais e campamentos de verán información relacionada co clima, actividades de carácter lúdico e charlas inspiradoras por persoas de referencia neste eido
- A conselleira explica que esta iniciativa comezou con grande éxito no Son do Camiño, en Santiago de Compostela, coa participación de máis de 1.400 persoas
- Esta actuación de sensibilización ambiental desenvolverase en 5 festivais musicais e en 15 campamentos de ocio e tempo libre
A conselleira de Medio Ambiente e cambio Climático, Ángeles Vázquez, animou hoxe aos máis novos a actuar de xeito respectuoso coa contorna e levar as prácticas sostibles ás súas actividades de lecer, como poden ser os festivais musicais ou os campamentos de verán.
Nesa liña, a conselleira visitou esta mañá a zona habilitada no festival PortAmérica para levar a cabo as actividades deseñadas no marco da iniciativa divulgativa Van polo Clima, que puxo en marcha este verán o Goberno galego co obxectivo de implicar á mocidade na loita contra o cambio climático poñendo á súa disposición información actualizada e relevante relacionada con este tema, actividades de carácter lúdico e distendido e charlas inspiradoras por persoas de referencia no eido do clima e da acción climática.
Así, no marco desta campaña de concienciación ambiental organízanse actividades lúdicas, participativas e informativas nun espazo con áreas de lecer, xogos e photocall, así como cunha furgoneta rotulada, que este verán se instalará nalgúns dos principais festivais e eventos musicais da Comunidade. De feito, segundo explicou Ángeles Vázquez, “o percorrido comezou con grande éxito o pasado mes no Son do Camiño, en Santiago de Compostela, coa participación de máis de 1.400 persoas”.
Durante a súa estadía no festival PortAmérica, que se celebra na localidade pontevedresa de Portas, os asistentes terán á súa disposición un espazo de lecer producido cun material innovador, creado en Galicia e procedente de cáscara de arroz, así como un xogo de preguntas e respostas sobre o clima. Ao longo deste verán, este programa de sensibilización e formación ambiental tamén visitará o Atlantic Fest (Vilagarcía de Arousa), o Morriña Fest (A Coruña) e o Festival da Luz (Boimorto).
A maiores, tal e como subliñou Ángeles Vázquez, esta actuación de sensibilización ambiental tamén se desenvolverá en 15 campamentos de ocio e tempo libre para achegar as prácticas sostibles á rapazada de entre 14 e 18 anos a través de charlas de divulgación, nas que se abordarán distintos conceptos climáticos e se reflexionará sobre os hábitos diarios e o coidado do medio ambiente, e actividades lúdicas en forma de xogos de preguntas e respostas para afondar nos coñecementos nesta materia.
A conselleira engadiu que este novo espazo itinerante busca darlle visibilidade ao concepto de moza e mozo polo clima para que os asistentes poidan identificarse con el e contribúan a mitigar os efectos do cambio climático adoptando unha posición activa en todos os aspectos da súa vida cotiá.
Ademais, servirá para promocionar entre o público ao que vai dirixido a primeira edición dos premios Mozo/a polo clima, que busca recompensar o talento xuvenil dándolle visibilidade a algunhas das súas iniciativas, proxectos e ideas no eido social e empresarial, na investigación, na cultura ou na arte e que teñan algún tipo de impacto positivo no clima da Comunidade.