- Lembra que o prazo de presentación de candidaturas estará aberto ata o 13 de xullo e que se poden presentar empresas adheridas ao Sistema Comunitario de Xestión e Auditoría Medioambientais (EMAS)
- Concederanse tres galardóns en función do tamaño e número de traballadores da organización, así como outros dous recoñecementos adicionais para premiar a entidades con 20 ou máis anos de traxectoria ambiental e actuacións concretas que destaquen pola súa efectividade
- A conselleira pon a Estrella Galicia como exemplo de empresa que entendeu a sostibilidade como unha oportunidade para ser máis eficiente, máis competitiva e máis sostible
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, animou hoxe ás entidades galegas a optar aos Premios de Sostibilidade Empresarial convocados este ano por primeira vez pola Xunta de Galicia co obxectivo de poñer en valor a excelencia ambiental do tecido produtivo da Comunidade.
Durante unha visita que fixo esta mañá ás instalacións de Estrella Galicia no parque empresarial de Morás, en Arteixo, a conselleira explicou que poderán presentar a súa candidatura a estes recoñecementos empresas que estean adheridas ao Sistema Comunitario de Xestión e Auditoría Medioambientais (EMAS, nas súas siglas en inglés), que é un instrumento voluntario da Unión Europea orientado a promover a mellora continua do comportamento ambiental das organizacións.
Nesa liña, Ángeles Vázquez subliñou formar parte de EMAS implica asumir compromisos que van máis alá do cumprimento da normativa xa que leva aparellada a obriga de render contas ante a sociedade coa presentación, cada tres anos, dunha declaración ambiental verificada por unha empresa auditora que certifique os logros acadados. Nese senso, a conselleira puxo en valor que na Comunidade son máis de 100 as entidades públicas e privadas adheridas a este sistema, o que é unha mostra máis da Galicia calidade no eido do compromiso ambiental.
Máis polo miúdo, a conselleira indicou que as empresas teñen de prazo para presentar as súas candidaturas ata o 13 de xullo. Concederanse tres galardóns en función do tamaño e número de traballadores da organización -pequenas, medianas e grandes-, así como dous recoñecementos adicionais. Un premiará a unha entidade con 20 ou máis anos de traxectoria ambiental e o outro recoñecerá unha actuación concreta que destaque pola súa efectividade.
A maiores, a conselleira puxo a Estrella Galicia como exemplo de empresa que entendeu a sostibilidade como unha oportunidade. “Estrella Galicia leva no seu ADN, a innovación, a competividade e a sostibilidade”, aseverou Ángeles Vázquez.
De feito, a conselleira fixo fincapé en que a última declaración ambiental presentada por esta empresa no marco do EMAS, do que forma parte desde 2007, indicou que 2024 foi o quinto ano consecutivo no que conseguiu a neutralidade en carbono. Ademais, outros logros son a redución dun 34% do consumo de gas natural, o emprego de enerxía 100% na fábrica da Grela (A Coruña) e o incremento da xeración de enerxía térmica ou renovable.
Ademais, a planta que hoxe visitou a conselleira en Arteixo xa foi deseñada tendo en conta criterios como o aforro enerxético, a optimización do uso da auga e a integración de principios de economía circular. Nese senso, Ángeles Vázquez sinalou proxectos concretos postos en marcha por Estrella Galicia relativos á revalorización de residuos, como a reutilización do bagazo da malta para outros produtos, ou á redución da pegada de carbono cun sistema de distribución que minimiza a xeración de residuos chamado Cervexa de adega.

