Salienta que o coidado do mar debe ser unha responsabilidade compartida nunha comunidade como Galicia, con 2.555 km de costa e na que forma parte da súa identidade
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, emprazou esta mañá a preservar e coidar dos océanos como un elemento clave para avanzar na loita contra o cambio climático e mitigar os seus efectos, tendo en conta que absorben preto do 23% das emisións anuais de CO2 e tamén boa parte do exceso de calor causado polo quecemento global.
Así o destacou durante a súa intervención no marco da iniciativa A Gran Corrente, organizada por We Sustainability, Mar de Fábula e FEMÜR para conmemorar o Día Mundial dos Océanos en Galicia cunha gran acción de limpeza colectiva e sensibilización social nas praias coruñesas de Riazor, O Orzán e O Matadoiro.
Os océanos cobren arredor do 70% da superficie terrestre, albergan preto do 80% da biodiversidade mundial e estímase que producen o 50% do osíxeno que respiramos. “Precisamos do mar e precisamos dos océanos”, destacou a conselleira, que fixo fincapé na importancia do mar no caso concreto dunha comunidade como Galicia, que se caracteriza por ter 2.555 quilómetros de costa e por unha actividade social e económica moi ligada e dependente do mar, que forma parte da súa historia, cultura e identidade.
Neste sentido, Ángeles Vázquez considerou necesarias accións como a retirada de residuos organizada hoxe en varias praias da Coruña e na que participan centos de nenas e nenos, unha iniciativa da que salientou, sobre todo, o seu “valor educativo” e de concienciación. De feito, cada ano chegan aos océanos arredor de 11 millóns de toneladas de residuos plásticos, unha das principais ameazas para a biodiversidade mariña e para a conservación dos ecosistemas costeiros, e arredor do 80% dos refugallos mariños teñen a súa orixe en actividades desenvolvidas en terra.
Por iso, a conselleira incidiu en que o futuro dos océanos pasa por loitar contra a contaminación e promover o respecto e a conservación do medio mariño entre todos, unha responsabilidade compartida que, segundo dixo, require do compromiso activo de administracións públicas, empresas, entidades sociais e cidadanía.

