- Ángeles Vázquez explica que as tarefas consisten na instalación de medidas anticontaminación como cordóns vexetais e barreiras de madeira
- Fai fincapé en que o operativo habitual dedicado ao mantemento e conservación das contornas fluviais de Galicia-Costa ten orde de darlle prioridade a estes traballos para actuar antes de que as cinzas se mobilicen
- Augas de Galicia conta desde hai anos con contratos plurianuais de conservación e mantemento fluvial, que fan posible traballar de xeito continuo ao carón dos ríos e facilita actuar de urxencia en caso necesario, como tras os lumes deste verán
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo hoxe en valor a rápida actuación de Augas de Galicia no desenvolvemento de actuacións de conservación fluvial co obxectivo de evitar os arrastres de cinzas aos ríos.
Durante a súa visita aos traballos que se levan a cabo na parroquia de Santa Cristina de Cobres, no Concello de Vilaboa, a conselleira subliñou que estas accións teñen como obxectivo minimizar os danos que poidan ocasionar nos ríos da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa (a única de competencia autonómica das catro en que se divide a comunidade) os posibles arrastres de cinzas e de restos de madeira queimada nas áreas afectadas polos incendios forestais.
En concreto, Ángeles Vázquez explicou que as tarefas consisten na instalación de barreiras anticontaminación nas contornas fluviais, como cordóns vexetais a base de pólas e troncos procedentes do entorno afectado polo lume para crear entramados de biomasa que minimicen a perda de chan e favorezan a pronta implantación de especies vexetais. A maiores, tamén se están a colocar barreiras de madeira, transversais ao curso da propio canle, en puntos con elevada pendente onde poden resultar efectivas para reducir a velocidade da auga e fixar arrastres.
De feito, a actuación que visitou hoxe a conselleira no concello de Vilaboa, estanse a instalar 3.710 metros de cordóns de vexetación e 110 metros de albarradas en 12 puntos da canle. Ademais, neste caso tamén está previsto acometer labores de restauración en dous puntos nos que se executaron cortalumes, o que supuxo a ocupación da canle por terra e vexetación que agora serán retiradas para estabilizar e naturalizar o espazo.
Logo de incidir na importancia de levar a cabo estes traballos antes de que as cinzas se mobilicen como consecuencia das choivas, a conselleira fixo fincapé en que o operativo habitual dedicado ao mantemento e conservación das contornas fluviais de Galicia-Costa ten orde de darlle prioridade a estas actuacións, que xa se acometeron en municipios como Ponteceso ou Meaño.
Nese senso, a conselleira lembrou que Augas de Galicia conta desde hai moitos anos con contratos plurianuais de conservación e mantemento fluvial, que fan posible traballar de xeito continuo ao carón dos ríos e facilita actuar de urxencia en caso necesario, como sucede tras a vaga de lumes deste verán. De feito, só este ano Augas de Galicia conta cunha partida orzamentaria de 2,7 millóns de euros reservada á realización deste tipo de labores, unha dotación que nos últimos exercicios estivo en constante crecemento.
Ademais, como organismo de conca, Augas de Galicia permite que se leven a cabo podas e clarexos de ata o 30%, ademais da retirada de vexetación morta como medidas para protexer o dominio público hidráulico de Galicia-Costa.