- Para facilitar a comunicación dentro da Alianza Galega polo Clima, a responsable autonómica anuncia a posta en marcha de Comunidade B2B, unha nova ferramenta tecnolóxica para interactuar de xeito directo e dixital cos seus 263 membros
- Subliña que Galicia quere liderar a transición verde en Europa e consolidarse como un referente grazas á nova Lei do clima, á aposta pola innovación coa creación do mercado de créditos de carbono e a planificación de investimentos por case 1.800 M€
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou hoxe o éxito da segunda edición do programa Mentoring polo clima, unha iniciativa impulsada en 2025 de forma piloto para que empresas con experiencia en acción climática asesoren a outras para avanzar neste eido. Así, no marco da convocatoria deste ano logrou duplicar o número de participantes (pasando de 8 a 16) e suma xa, polo momento, un total de 37 iniciativas propostas.
Durante a clausura da xornada MentoringLAB, que reuniu en Santiago de Compostela a medio cento de representantes de empresas e entidades adheridas á Alianza Galega polo Clima, a responsable autonómica explicou que esta nova edición do programa está dividida en dúas fases: de febreiro a xuño e a partir do vindeiro mes de setembro.
A primeira delas, que acaba de rematar, contou coa participación de 8 empresas, das cales 4 exerceron de titoras e as outras 4 foron mentorizadas. O resultado traduciuse en preto de 40 propostas co fin de que poidan incorporar aos seus procesos. Por exemplo, plans de descarbonización e de sostibilidade, análises de riscos climáticos, solucións tecnolóxicas innovadoras ou formación ambiental dirixida ao seu persoal.
Neste sentido, a conselleira agradeceu a implicación de todos os participantes na iniciativa e animou ás 8 empresas que a partir de setembro comezarán a traballar no marco do Mentoring polo clima a aproveitar ao máximo esta oportunidade única para compartir experiencias reais (no caso das entidades mentoras) ou introducir cambios que enriquezan as súas dinámicas de traballo (no caso das que reciban acompañamento).
Tras destacar que este modelo de aprendizaxe se trasladou hoxe ao formato de grupos de traballo da xornada MentoringLAB —organizada pola Oficina Técnica da Alianza—, Ángeles Vázquez incidiu en que este tipo de foros son a mellor forma de impulsar novas colaboracións e ampliar a rede de contactos dos asistentes.
Ao respecto, incidiu na importancia de fomentar a comunicación entre os máis de 260 membros cos que conta xa a Alianza Galega polo Clima, entre eles, universidades, centros tecnolóxicos, empresas de varios sectores e representantes da sociedade civil.
Con tal fin, a responsable autonómica anunciou a posta en marcha de Comunidade B2B, unha nova ferramenta tecnolóxica concibida para facilitar e axilizar o contacto directo entre os membros da Alianza e que está xa dispoñible na plataforma tecnolóxica polo clima, que se converterá deste xeito nun “punto de encontro dixital” para impulsar as relacións e o valor de pertenza a esta rede.
Tras resaltar a importancia de seguir fomentando a colaboración pública-privada para buscar solucións ante os retos do cambio climático, salientou que Galicia quere liderar a transición verde en Europa e consolidarse como unha rexión referente neste eido.
Para cumprir con este obxectivo, a conselleira explicou que a Xunta está a “pisar o acelerador” tal e como demostran fitos recentes como a aprobación este ano da Lei do clima, a aposta pola innovación co impulso para crear o primeiro mercado galego de créditos de carbono e a planificación de importantes investimentos a través da execución do II Plan rexional integrado de enerxía e clima, que recolle 93 medidas ata 2030 neste eido, por un importe de case 1.800 millóns de euros.

