- Subliña que a empresa tramita unha ampliación das actuais instalacións en Palas que permitirá quintuplicar a produción de larvas de mosca soldado negra para consolidar a súa posición neste sector e pechar todo o proceso industrial na propia Comunidade
- O proxecto aspira a converter Galicia en líder na produción a nivel mundial de proteína procedente destes insectos, da que se obtén fariña, graxas e compost
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou esta mañá o gran potencial demostrado por Galicia para atraer diferentes tipos de empresas e iniciativas industriais innovadoras que aspiran a converterse en referentes en materia de economía verde e circular.
Así o destacou esta mañá durante unha visita ás instalacións de Alfaprogal en Palas de Rei, unha planta da firma Bioflytech dedicada á fabricación de derivados de larvas de mosca soldado negra, produtos cunha gran versatilidade e múltiples aplicacións en sectores como o acuícola, o agrogandeiro ou o farmacéutico, entre outros.
Tras lembrar que cando esta planta se asentou en Galicia en 2023 foi a primeira destas características en toda España, a responsable autonómica salientou o esforzo demostrado desde entón polos seus promotores por seguir apostando pola investigación e o crecemento, sempre desde unha perspectiva ambiental e innovadora.
Neste sentido, explicou que actualmente a empresa está a tramitar unha importante ampliación das súas instalacións en Palas coa que aspira a quintuplicar a capacidade da planta, que pasaría de producir 12.000 a 62.000 toneladas de larvas cada ano e garantiría, así, que todo o proceso produtivo comece e remate en Galicia, co correspondente valor engadido ao non depender doutras localizacións e convertendo á Comunidade en líder na produción mundial de proteína procedente destes insectos.
Acompañada da directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría, a conselleira visitou a nave de Alfaprogal onde puido coñecer de primeira man parte do proceso que se leva a cabo na mesma para a obtención dunha fariña altamente proteica e indicada, en particular, para industrias relacionadas coa alimentación de animais domésticos así como para os sectores acuícola e avícola.
Ao respecto, Ángeles Vázquez puxo a planta de Alfaprogal como exemplo de modelo industrial sostible e baseado nos principios da economía circular xa que nela as larvas son alimentadas con subprodutos vexetais a partir dos que se obtén unha proteína de alta calidade, graxas funcionais e fertilizantes 100% orgánicos.
En concreto, entre os principais produtos derivados destes insectos cómpre destacar a larva seca, especialmente indicada pola súa proteína e alta dixestibilidade para a dieta de aves, peixes e outros animais; fariña obtida a partir de larva de mosca soldado negra desengraxada; graxas de alta calidade con aplicación no eido da alimentación animal pero tamén na industria farmacéutica e cosmética; ou compost, que se extrae do proceso de biodixestión do material vexetal durante a fase de engorde.
Un cento de novos empregos directos
As instalacións coas que conta Bioflytech en Palas de Rei —localizadas nunha parcela de arredor de 14 hectáreas— contan na actualidade con seis naves dedicadas ao engorde das larvas, unha liña de procesamento (rendering) de gases única no mercado para a fabricación de fariñas, unha zona de secado e dúas liñas de rendering tradicional.
Coa futura ampliación prevista por parte da empresa, para a que solicitou ante a Xunta a declaración de proxecto industrial estratéxico (PIE), búscase non só incrementar notablemente a capacidade da planta de Palas senón tamén garantir que todo o proceso produtivo remate en Galicia. Ademais, espérase conseguir 100 novos postos de traballo directos fronte aos 22 que ofrece xa na actualidade.