- Roi Fernández salienta o incremento do orzamento da entidade pública empresarial para este ano, que sobe de 137 M€ a 144 M€, o que supón case un 5% máis
- Destaca o esforzo por continuar impulsando melloras na calidade das augas das rías e ríos galegos para buscar a “excelencia” tanto con importantes investimentos en infraestruturas como a través do apoio técnico e económico ás entidades locais
- Entre as partidas que experimentan un maior crecemento subliña a destinada a obras de abastecemento e saneamento, as liñas de axudas dirixidas a concellos, ou o investimento nun rural sostible que actúe como motor da resiliencia hídrica
A Xunta de Galicia está a orientar este ano os seus investimentos e políticas en materia de augas co dobre obxectivo de reducir o volume total de recursos hídricos que se utilizan, en liña cos grandes retos do cambio climático, e de avanzar cara á xestión integrada do ciclo da auga, empezando polos propios usuarios e rematando nos profesionais responsables da súa xestión.
Así o destacou esta mañá no Parlamento o director de Augas de Galicia, Roi Fernández, quen compareceu ante a comisión 2ª a petición propia para expoñer as principais liñas estratéxicas a seguir polo seu departamento neste 2025.
Tras resaltar que a auga é un recurso fundamental para Galicia, salientou o esforzo adicional que se fará en 2025 para seguir optimizando a súa xestión, tal e como reflicten os orzamentos do organismo hidráulico autonómico que, de feito, pasan dos 137 millóns de euros de 2024 a 144 millóns (case un 5% máis) para seguir optimizando as infraestruturas do ciclo integral da auga, a formación e a divulgación neste eido e a execución de políticas activas que dean resposta aos grandes retos do cambio climático.
Entre as partidas que experimentan un maior crecemento, subliñou a destinada a obras de abastecemento e saneamento, as distintas liñas de axudas dirixidas a concellos, ou o investimento para avanzar nun rural sostible que actúe de motor da resiliencia hídrica.
Neste sentido, o director de Augas de Galicia explicou que un dos obxectivos principais será facer un uso eficiente da auga e reducir a pegada hídrica na Comunidade (é dicir, o volume de auga que se utiliza a través dos seus distintos usos) mediante investimentos directos nas redes de saneamento, depuración e abastecemento, así como doutro tipo de medidas como o apoio aos concellos, o deseño de mapas de riscos climáticos ou a creación de corredores verdes para reducir os asolagamentos nas zonas sensibles.
En concreto, indicou que no eido das infraestruturas hidráulicas a entidade pública empresarial destinará un total de 73,1 millóns de euros a mellorar a eficiencia das redes de auga potable, incidindo na redución das perdas e ofrecendo alternativas axeitadas para garantir o subministro a núcleos con alta demanda; optimizar as plantas de auga potable e construír novos depósitos para aumentar a capacidade de almacenamento; continuar co desenvolvemento e mellora dos sistemas de saneamento para reducir os custos e as filtracións, ao tempo que se reforzan os servizos á cidadanía; e avanzar en materia de depuración elevando os estándares de vertido ás rías e ríos.
A estratexia do organismo hidráulico para o impulso do tratamento das augas chegará este ano tamén e de forma especial aos núcleos rurais, con investimentos previstos por valor de 18,8 millóns de euros para incrementar a resiliencia hídrica destas zonas, chamadas a ser un “motor clave” para avanzar neste obxectivo.
Segundo expuxo Fernández, o obxectivo é dotar a distintas áreas das catro provincias de servizos de saneamento e abastecemento equivalentes aos dos grandes concellos para acadar un rural sostible incidindo tanto nas contornas dos grandes municipios como buscando solucións innovadoras coas que atender as necesidades dos pequenos núcleos de poboación ou zonas dispersas.
Mellorar a xestión do ciclo integral da auga
Outra peza fundamental na estratexia de Augas de Galicia será a mellora da xestión do ciclo integral para lograr un funcionamento cada vez máis eficiente dos diferentes sistemas, cunha partida reservada para este ano de 34,5 millóns de euros.
Neste eido, Roi Fernández referiuse ao apoio aos concellos a través da explotación directa por parte do organismo hidráulico de 28 estacións depuradoras, ás iniciativas de formación e profesionalización do sector, coa posta en marcha da Escola da Auga, ou á dixitalización como vía para obter información precisa e apoiarse en ferramentas tecnolóxicas axeitadas para axilizar e afinar a toma de decisións.
Así mesmo, con relación á protección e recuperación dos ecosistemas acuáticos da Comunidade, Roi Fernández cifrou o orzamento destinado a este capítulo en 15,1 millóns de euros. Entre as principais actuacións, destacou os labores continuos de restauración e conservación de ríos e zonas húmidas para reforzar a súa resposta ante fenómenos extremos; a mellora e actualización das ferramentas de planificación que utiliza Augas, como os traballos previos do novo Plan hidrolóxico de Galicia-Costa ou dos plans de saneamento e de abastecemento; así como o control da contaminación puntual e difusa, un aspecto no que Galicia, dixo, xa é referente polo bo estado das súas masas de auga pero no que aspira a acadar “a excelencia”.