- Turismo de Galicia desenvolve tamén unha intensa promoción deste programa coa participación de 10 influencers que contribúen a difundir nas redes sociais as características deste programa
- -A delegada da Xunta visitou a Casa das Fiadeiras de Nemiña e a Casa Castiñeira en Muxía participantes neste programa
- -Ofrécense desde menús especiais, ata paquetes con estadías e nalgunhas das casas e tamén haberá actividades como paseos a cabalo, descenso en canoa ou sendeirismo
A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou as Casas rurais de Fiadeiras de Nemiña e Casa Castiñeira participantes no programa ‘Outono Gastronómico en Turismo Rural 2025’, do que se poden beneficiar os viaxeiros desde o 19 de setembro ao 21 de decembro. A representante do Goberno autonómico agradeceu aos seus responsables a súa colaboración con esta proposta turística da Xunta que busca impulsar o turismo rural fóra de temporada. A casa Castiñeira tamén está adherida ao Bono turístico.
No Outono Gastronómico participan 78 casas rurais das catro provincias, das cales 21 están ubicadas na provincia da Coruña, e na comarca de Costa da Morte a maiores destas dúas casas en Muxía tamén participan a Casa Arpón en Malpica e Mar de Queo en Carballo. Estes establecementos ofrecen paquetes gastronómicos especiais, paquetes de estadías e actividades paralelas como paseos a cabalo, catas de viño, descenso en canoa ou sendeirismo, entre outras.
Actividades sostibles
En relación a esta edición de 2025 do Outono Gastronómico, Belén do Campo destacou que dos 78 establecementos de turismo rural, 21 ofertan a actividade Outono Plus, con propostas que van desde paseos a cabalo, descenso en canoa, sendeirismo, visitas culturais, e outras.
Neste sentido, salientou ademais a variedade de propostas que poden elixir as persoas que queiran gozar desta experiencia desde o menú Outono gastronómico cun custe de 37,50€/persoa, que inclúe produtos de calidade de Galicia moitos deles con denominación de orixe ou con indicación xeográfica protexida; ou as que inclúen estadías na casa rural e oferta gastronómica como paquete Outono gastronómico por, 105€/persoa en cuarto individual e 165€/dúas persoas nun cuarto dobre; a fin de Semana Outono Gastronómico, 165€/persoa nun cuarto individual, e 260€/ dúas persoas en cuarto dobre; e a fin de Semana Familiar Outono Gastronómico, 310€/dous adultos con 1 neno ou nena nun cuarto dobre con cama supletoria, e 360€/dous adultos con dous nenos ou nenas en dous cuartos dobres.
A delegada destacou o éxito da iniciativa que ao longo das 18 edicións anteriores logrou xerar no sector 6,6M€ grazas á participación de máis de 100.000 persoas. “Isto foi ,en gran medida, a consecuencia da promoción que fixemos ao longo de todo este tempo desde Turismo de Galicia dun produto que marida a proposta de turismo rural e gastronomía que se pode desfrutar nunha época do ano fóra de tempada”, subliñou.
Toda esta información e outra relativa ao Outono Gastronómico en Turismo Rural pódese descargar na web www.turismo.gal, onde figuran ademais, todos os establecementos participantes e os menús exclusivos de cada un.
Turismo de Galicia desenvolve tamén unha intensa promoción deste programa coa participación de 10 influencers que contribúen a difundir nas redes sociais as características deste programa. Ademais, tamén se levan a cabo concursos as propias redes sociais de Turismo de Galicia e edítanse 9.900 guías en castelán e galego que se distribúen nos establecementos participantes e nas oficinas de turismo e outros espazos públicos.
Bono Turístico
Durante a visita a delegada tamén lembrou que tamén está aberto o prazo para que os usuarios poidan desfrutar o bono turístico, ata o 25 de decembro, impulsado pola Xunta de Galicia nos case 500 establecementos adheridos ata o momento. En total, descargáronse 16.666 bonos que supoñen unha inxección ao sector de 2,5M€ dos cales Turismo de Galicia financia 1M€, unha iniciativa exitosa aberta o 18 de xullo xa que se esgotaron en tres días. Cada persoa puido acceder a un máximo de dous bonos, cada un dun importe de 150€, cofinanciados nun 40% pola Xunta de Galicia e nun 60% polas persoas solicitantes.
Na actualidade están adheridos 495 establecementos das catro provincias: 194 na Coruña, 91 en Lugo, 63 en Ourense e 147 en Pontevedra. Concretamente na comarca de Costa da Morte están adheridos 53 negocios. O prazo para que os establecementos continúen sumándose a este produto remata o 1 de decembro deste ano. Poden apuntarse aqueles establecementos da comunidade autónoma e axencias de viaxes que teñan un centro de traballo en Galicia e desenvolvan as súas actividades dentro do sector turístico vinculado á comunidade.
A Xunta fomenta con esta iniciativa que xurdiu en 2020, a desestacionalización e desconcentración do destino Galicia, fomentando a visita en épocas fora da tempada alta. Desde que se puxo en marcha este programa son activáronse máis de 63.000 bonos turísticos e mobilizáronse máis de 16,5M€ no sector turístico galego. Deles, 2,5 M€ foron só en 2024 cando tamén participaron máis de 400 establecementos de toda Galicia.
Belén do Campo expresou o seu desexo de que os viaxeiros se solidaricen coas zonas afectadas polo lume este verán e opten por establecementos situados nestes concellos. “É unha boa maneira de axudar a recuperar a actividade económica nestes concellos que tanto o precisan”, recalcou.