― Estes cursos enmárcanse nun convenio co Ministerio do Interior, que se encarga da selección dos beneficiarios das prazas para persoas con condenas de traballos en beneficio da comunidade
― Os obradoiros son impartidos pola Asociación de Criminólogos de Galicia
Un total de 118 persoas condenadas por delitos relacionados coa seguridade do tráfico participaron o ano pasado en obradoiros promovidos pola Xunta cunha achega de case 31.000 euros e impartidos pola Asociación de Criminólogos de Galicia (Criga). A actividade enmárcase nun convenio de colaboración co Ministerio do Interior vixente desde 2010 para o cumprimento das penas de traballo en beneficio da comunidade.
Con base neste acordo, a Xunta, en colaboración coa Asociación de Criminólogos de Galicia, leva a cabo estes talleres, que cada ano contan cunha media de 200 asistentes. Pola súa parte, o Ministerio do Interior, encárgase da selección dos penados beneficiarios das prazas que ofrece a Xunta para estes obradoiros.
Deste xeito, proporciónase un número de prazas a persoas con condenas de traballos en beneficio da comunidade nas condicións establecidas no Código penal e no Real Decreto de 2009, que modifica o anterior de 2005 e polo que se establecen as circunstancias de execución das penas de traballos en beneficio da comunidade e de localización permanente de medidas de seguridade, así como da suspensión da execución das penas privativas de liberdade.
O cambio posibilitou que os traballos en beneficio da comunidade poidan consistir na participación do penado en talleres ou programas formativos ou de reeducación, laborais, culturais, de educación viaria, sexual e outros semellantes.
Grazas a esta iniciativa é posible avanzar na bondade do sistema que permite que, baixo concretas circunstancias, a pena consista en traballos en beneficio da comunidade, o que reporta non só un aliciente para as persoas condenadas a prol da súa futura conduta, senón que reverte na comunidade como prestataria dos seus servizos.

