Diego Calvo aborda co grupo de empresarios Vicus Gallaecia os retos para mellorar a mobilidade en Galicia

Redacción
Lectura mínima de 4
  • O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes trasladou a postura do Goberno galego para captar rutas aéreas mediante a promoción turística en orixe, sumándose ao modelo proposto por AENA
  • Considera inviable o compromiso do Executivo central de que o AVE Vigo-Porto estea operativo na parte española no horizonte 2030-2032 cando coa tramitación actual non sería posible ata 2038 

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe nun encontro co grupo de empresarios Vicus Gallaecia, onde incidiu na necesidade de apostar pola conectividade e a mobilidade para avanzar no desenvolvemento económico e social.

En materia de conectividade, o Goberno galego aposta por sumar esforzos entre administracións para captar novas rutas aéreas mediante a promoción turística en orixe, sumándose ao modelo proposto por AENA. Tal e como xa explicou en recentes reunións a representantes do sector empresarial e turístico de Vigo, da Coruña e de Santiago de Compostela, así como ás deputacións provinciais, trasladou hoxe ao grupo Vicus Gallaecia a proposta da Xunta neste obxectivo, que consiste en sumar un apoio de 100.000 euros por cada nova ruta que se estableza, cun máximo de dúas por aeroporto e ano.

A Administración autonómica poderá realizar esta promoción directamente e tamén abrirá a posibilidade de asinar convenios cos concellos, se así o desexan, para que sexan estes os que leven a cabo esas actuacións de promoción. Este apoio do Goberno galego sumarase ás contías que mobilicen os concellos e as deputacións provinciais, ademais da proposta da propia AENA, contando así cunha proposta coordinada e conxunta que ata agora non existía.

Respecto ao AVE Vigo-Porto, o conselleiro de Presidencia advertiu da falta dun calendario realista na parte española, o que considera un obstáculo para a competitividade empresarial. Así, considera inviable o compromiso do Goberno central para esta infraestrutura no horizonte 2030-2032 cando cos trámites e obras pendentes non estaría rematada, como mínimo ata 2038. Nesta liña, lembrou os retrasos acumulados na conexión ferroviaria de alta velocidade estratéxica para a Eurorrexión Galicia-norte de Portugal, tanto na Saída Sur de Vigo como no treito O Porriño e a fronteira portuguesa e tendo en conta que o Estudo Informativo deste último treito debe definir a nova ponte internacional entre ambos os estados.

Do mesmo xeito, reclamou concrecións do Goberno central respecto do Plan Director do Corredor Atlántico, ao tempo que solicitou a integración plena de Galicia, incluíndo que se garanta a conexión ferroviaria dos principais portos galegos. Isto supón recoñecer o porto de Vigo e o de Ferrol como portos nodais da rede básica, para que a súa comunicación co tren, ao igual que no caso da Coruña, estea rematada en 2030. Nesta liña, lamentou que a súa identificación actual na rede global impide acceder a fondos europeos para as infraestruturas consideradas nodais.

Comparte este artigo