— Na entrega das medallas da unidade policial agradeceu a dedicación, a vocación de servizo e a coraxe que demostran os axentes no seu día a día
— No acto 40 policías autonómicos foron recoñecidos con distintivos de permanencia, 14 deles con cruces de bronce por 30 anos de servizo, e entregáronse sete distincións honoríficas a persoal alleo ao corpo
— O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes insistiu na reclamación ao Ministerio do Interior para completar o cadro de persoal da UPA, formado a día de hoxe por 344 axentes, cun déficit superior ao 30% no previsto para Galicia
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado do director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe na entrega de distintivos de permanencia e de medallas ao persoal da Policía Autonómica (UPA), onde destacou o labor deste corpo policial a prol da seguridade e o benestar colectivo. No acto, no que tamén interveu o comisario xefe da UPA, Jorge Rubal, recoñeceuse a permanencia de 40 axentes policiais con diferentes graos de antigüidade, dos que 14 recibiron cruces de bronce por sumar 30 anos de servizo.
Tamén se entregaron seis distincións honoríficas a persoal alleo á unidade policial pola súa continuada colaboración desde as súas diferentes responsabilidades. É o caso do comisario principal e xefe rexional de Operacións en Galicia da Policía Nacional, Fernando Javier Martínez, xubilado este ano; do xefe da Comandancia da Garda Civil na Coruña, Fernando Pedreira; da intendente e xefa da Policía Local de Ourense, María Barrera; da fiscal de enlace en delitos de odio e discriminación na Fiscalía da área de Ferrol, Patricia Sánchez; da veterinaria en inspección pesqueira da Subdirección Xeral de Gardacostas, Aurora Macías; e da subdirectora xeral de Coordinación de Servizos Transversais, Ana Otero. A demais, a Unidade de Mergullo de Ferrol da Armada Española recibiu unha placa pola súa estreita cooperación en tarefas de mergullo e rescate
Na súa intervención, Diego Calvo incidiu no agradecemento a todas as persoas distinguidas e, en xeral, a toda a Policía Autonómica pola dedicación, vocación de servizo público e coraxe que demostran no seu día a día. “Agradecervos, en definitiva que representedes con honradez e dignidade a Galicia alí onde actuades”, engadiu. Neste sentido, lembrou que a UPA participou do dispositivo coordinado pola Xunta na Comunidade Valenciana para apoiar os servizos de emerxencias locais na busca e rescate de persoas desaparecidas tras a Dina.
O conselleiro expresou tamén o orgullo que supón para Galicia contar cunha Unidade de Policía Adscrita, cuxa atención constante aos diversos eidos da súa competencia é garante de prevención e de protección tanto das persoas como do patrimonio individual e colectivo. Cómpre sinalar que a Policía Autonómica ten entre os seus cometidos a loita contra os incendios, o furtivismo e o marisqueo ilegal, así como a protección do medio natural, das rutas xacobeas, das vítimas de violencia de xénero e dos menores, entre outros.
Uns cometidos que, segundo sinalou Diego Calvo, se poñen en risco polo cada vez maior déficit de persoal, que xa supera o 30%. O conselleiro insistiu na urxencia de que o Goberno central complete o catálogo da Policía Autonómica ata os 500 axentes previstos fronte aos 344 existentes na actualidade. “É un paso necesario para que a unidade poida desenvolver coas máximas garantías as múltiples competencias de protección, investigación e defensa que ten atribuídas”, afirmou.

