O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e a directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, recibiu hoxe ao loitador José Cuba, que vén de gañar no torneo nacional celebrado en Barcelona o seu 20º título nacional sénior na modalidade de loita libre olímpica, dentro da categoría de 125 quilos.
Na recepción, Diego Calvo felicitou polos seus éxitos ao loitador de Vilalba, que non só é o loitador español con máis títulos nacionais na categoría absoluta da súa modalidade, senón que está considerado o mellor loitador galego da historia. José Cuba pertence ao Club de Loita Vilalba, onde adestra e inspira a novos talentos.

