Fabiola García anuncia que os orzamentos da Xunta permitirán a apertura da nova Residencia Pública de Maiores da Eiriña, que a Fundación Amancio Ortega entregará o 30 de outubro

adminON
Lectura mínima de 4

— Será o terceiro centro que reciba “chave en man” a Administración autonómica tras os de Santiago de Compostela e Lugo, que xa están en funcionamento.

— As novas contas autonómicas incrementan nun 10% o investimento destinado a políticas sociais na cidade do Lérez, ata acadar os 60 millóns de euros.

— Destínanse máis fondos ao municipio para o Bono Coidado no Fogar, para completar a reforma integral do centro residencial de Campolongo e para seguir apostando pola gratuidade das escolas infantís

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, anunciou hoxe que os orzamentos da Xunta permitirán poñer en marcha nos primeiros meses do 2025 a nova residencia pública de maiores da Eiriña, que a Fundación Amancio Ortega entregará o vindeiro día 30 de outubro. Avanzouno durante unha visita a esta infraestrutura na que estivo acompañada do delegado territorial en Pontevedra, Agustín Reguera, e na que tamén informou dos principais investimentos na cidade do Lérez que se recollen nas contas autonómicas para o vindeiro exercicio.

Fabiola García agradeceu á Fundación Amancio Ortega o seu compromiso social, nesta ocasión a través dos 25 millóns de euros que destinou á construción deste centro residencial que disporá de 120 prazas públicas e suporá a creación de máis dun centenar de postos de traballo directos no ámbito dos coidados. Esta será o terceira residencia que a Fundación Amancio Ortega entregará “chave en man” á Xunta das sete que impulsa e das cales as de Santiago de Compostela e a de Lugo xa están en funcionamento.

A conselleira destacou que estes novos centros, que se integrarán todos na rede pública da Xunta, situarán a Galicia como referente mundial na atención residencial ás persoas maiores. O de Pontevedra, ao igual que o resto, contará con servizos e equipamentos de vangarda, así como con unidades de psicoxeriatría especializados na atención a doentes de alzhéimer e outras demencias.

Máis investimento
Por outra banda, Fabiola García aproveitou para dar conta do impacto directo que teñen en Pontevedra os orzamentos da Consellería de Política Social e Igualdade para o ano 2025. A cidade contará con máis de 60 millóns de euros destinados ás políticas sociais, un 10% máis que neste exercicio.

Este maior investimento permitirá, entre outras melloras, incrementar os fondos dirixidos ao Bono Coidado no Fogar. Tamén fará posible o remate de infraestruturas básicas como a remodelación integral da residencia de maiores de Campolongo, para o que se contempla unha partida económica de 1,5 millóns de euros, e seguir apostando pola gratuidade das escolas infantís, da que se benefician preto de 1.100 familias pontevedresas.

Por último, a conselleira fixo fincapé en que os Orzamentos da Xunta para 2025 serán os máis altos da historia de Galicia ao acadar os 13.954 millóns de euros, un 2,6% máis que en 2024. Así mesmo, destacou o importante gasto social, ao que se destinan tres de cada catro euros.

Comparte este artigo