— Pon en valor a contribución das mulleres ao desenvolvemento rural e a fixar poboación nos concellos máis pequenos
— Avoga por seguir a fomentar o emprego feminino como principal garante da independencia económica e da igualdade
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, destacou hoxe o labor das empresas que apostan pola contratación de mulleres en sectores masculinizados, especialmente no rural. Fíxoo durante unha visita a Forestalis Ingeniería y Obras, proxecto empresarial centrado na reforestación, limpeza e roza de montes ou prevención de incendios, entre outras actividades.
Con esta visita, na que tamén participou o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, Fabiola García quixo poñer en valor a contribución das mulleres ao desenvolvemento rural e a fixar poboación nos concellos máis pequenos, coincidindo coa celebración do Día Internacional das Mulleres Rurais. Ao respecto, recordou o papel das mulleres como un auténtico eixo dinamizador e elemento estratéxico para o crecemento económico das zonas rurais.
A conselleira destacou de Forestalis o seu compromiso coa igualdade de oportunidades e cunha actividade económica e produtiva de proximidade, para o que conta coa colaboración de entidades e colectivos cos que a Xunta comparte diferentes iniciativas, como a Federación pola Igualdade da Provincia de Pontevedra (Femupo) ou a Cruz Vermella. O 30% do persoal desta firma son mulleres.
Fabiola García felicitou ás empresas que, como esta, apostan por incrementar a presenza das mulleres en sectores masculinizados. Ao respecto, apuntou que o fomento do emprego feminino como principal garante da independencia económica das mulleres é unha das principais apostas do Executivo autonómico en materia de igualdade.
Apoio ao emprendemento feminino
Nesta liña, a Xunta conta cos axudas do programa Emega, destinadas a impulsar o emprendemento feminino e que este ano contaron cun orzamento de 5 millóns de euros, o maior da súa historia. Á convocatoria desta edición, que se pechou o pasado mes de setembro, presentáronse máis de 1.250 proxectos empresariais. A través das axudas de Emega, creáronse máis de 3.500 empregos e beneficiáronse máis de 2.000 proxectos.
Así mesmo, este mesmo ano o Goberno galego lanzou unha orde pioneira de subvencións destinada a impulsar a contratación de mulleres desempregadas en sectores tradicionalmente masculinizados.

