- Felicitou as galardoadas e puxo en valor o seu compromiso cunha Galicia máis igualitaria e con oportunidades para todas e todos
- Agradeceu a Femupo por darlles sempre visibilidade e contribuír a seguir creando referentes que amosen a importancia do papel das mulleres en todos os sectores
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, volveu reivindicar esta tarde a importancia de impulsar o talento feminino galego como motor de avance dunha sociedade máis comprometida coa igualdade real e efectiva. Así o sinalou durante a súa intervención na gala de entrega dos V Premios Mulleres Femupo da Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra.
Durante o acto, a conselleira trasladou ás premiadas o recoñecemento de todo o Executivo galego por ser un exemplo de compromiso cunha Galicia máis igualitaria e, sobre todo, por representar a todas as mulleres profesionais que son referentes polo seu incansable esforzo e tesón, moitas veces – recalcou- sen o recoñecemento e a visibilidade que merecen.
Por iso, fixo fincapé na necesidade de que a sociedade en conxunto dea un paso adiante para seguir “poñendo voz a todo o talento feminino que hai en Galicia” e facendo que “todas estas mulleres estean presentes no día a día”. Con esta filosofía, dixo, nace Presentes a primeira plataforma para as profesionais galegas, posta en marcha pola Xunta e que busca “eliminar as barreiras que aínda dificultan que moitas delas ocupen espazos públicos de recoñecemento”. En concreto, especificou que xa son máis de 2.000 as usuarias desta ferramenta dixital e que o obxectivo é “seguir sumando perfís que aínda non contan con visibilidade”.
Neste sentido, a conselleira recalcou que para avanzar en igualdade é necesario o compromiso e esforzo de todos os axentes sociais e para o que é esencial “a colaboración con todo o asociacionismo galego”. Deste xeito, agradeceu a Femupo a súa incansable aposta por reivindicar o talento feminino e por contribuír a seguir creando novas referentes para as xeracións máis mozas, ao tempo que, explicou, amosan a importancia do papel que desenvolven as mulleres en todos os sectores.
Galardoadas V Premios Mulleres Femupo
Fabiola García aproveitou a ocasión para agradecer ás galardoadas todos os seus anos de traballo rompendo barreiras e combatendo os estereotipos de xénero. Neste sentido, puxo en valor o labor de Montse Betanzos, colareira do Grove e referente na artesanía; enxalzou o papel de Raquel Touceda como modelo de emprendemento rural; destacou o papel da Asociación Albor de Valga como exemplo do asociacionismo comprometido coa igualdade; tamén situou ó Club de Remo de Cangas como referente do deporte feminino e ó CIM da Lama, Cerdedo Cotobade e Fornelos como recurso público dedicado ó acompañamento e apoio ás mulleres.

