Fabiola García salienta que 200 concellos galegos impulsan este verán iniciativas de conciliación e corresponsabilidade familiar co apoio da Xunta

Redacción
  • Afirma que apoiar aos pais para que poidan compaxinar as súas vidas laboral e social co coidado dos fillos é unha prioridade para o Executivo autonómico
  • Arredor de 19.000 familias e 26.000 menores beneficiaranse das actividades que se financian a través do Plan Corresponsables

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, afirmou hoxe que unha das prioridades do Executivo autonómico “é ofrecer ás familias o apoio necesario para que poidan conciliar as súas obrigas laborais coa atención e o coidado dos seus”. Díxoo durante unha visita as nenas e nenos que estes días participan nun campamento municipal que ten lugar en Ribadumia, un dos 200 concellos galegos que impulsan este verán iniciativas de conciliación grazas ao Plan Corresponsables da Xunta.

Fabiola García explicou que son moitas as liñas de actuación do Goberno galego para axudar aos pais a afrontar  o reto da conciliación. Entre estas referiuse á gratuidade do 100% das escolas infantís dos 0 aos 3 anos, que consolida a Galicia como líder en matriculación nesta etapa educativa en toda España; a rede de casas niño no rural, para que os fillos reciban atención de balde o máis preto da casa, ou o Bono Concilia Familia, que o ano pasado chegou a máis de 15.000 familias, ás que se lles dá a seguridade de contar con recursos necesarios para contratar servizos de coidado infantil en períodos non lectivos.

Dentro destes programas de conciliación inclúese o Plan Corresponsables, ao que a Xunta destina 7,4 millóns de euros para financiar campamentos, accións de sensibilización en corresponsabilidade e outras iniciativas. Desta contía, 6,5 millóns de euros diríxense directamente a axudar a preto de 200 concellos a organizar actividades de conciliación que benefician a arredor de 19.000 familias e 26.000 menores. Un destes municipios é Ribadumia, que cos 55.000 euros que recibiu no marco deste plan ofrece un programa de conciliación a decenas de familias do municipio.

Ao respecto, a conselleira sinalou que o desenvolvemento deste Plan Corresponsables é unha mostra máis da aposta da Xunta pola conciliación, ao financiar alternativas para que os pais poidan ter aos seus fillos atendidos; pola corresponsabilidade, para que os coidados non recaian sempre nas nais; e pola colaboración cos concellos, que é a forma máis eficiente de chegar a todos os puntos de Galicia.

Recortes do Goberno central

Fabiola García apuntou que a Xunta segue adiante con este programa pese ao recorte de 50 millóns de euros imposto polo Goberno central a metade de 2025, “cambiando as regras de xogo e sen previo aviso nin negociación coas comunidades”, criticou. Esta actitude do Ministerio de Igualdade, engadiu, deixou a Galicia sen 2,3 millóns de euros cando os orzamentos autonómicos xa estaban en vigor e comprometidos, e as ordes de axudas a piques de resolverse.

Nesta liña, a conselleira lamentou que neste exercicio de 2026 se manteña este recorte de fondos ao Plan Corresponsables, pese ás reclamacións de Galicia e doutras Comunidades Autónomas.

Comparte este artigo