- A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, valorou hoxe os últimos datos de desemprego e afiliacións á Seguridade Social destacando que a nosa Comunidade ten 16.386 afiliados máis que en abril de 2025
- Esta suba tamén se rexistra con respecto ao mes pasado, con 7.944 afiliacións novas, o que supón un incremento do +1,51 %
- Canto ao desemprego, cae tanto na comparativa anual, cun descenso do -2,81 %, como no mensual, neste caso cun recorte do -2,07 %, o que implica 2.377 persoas desempregadas menos con respecto a marzo de 2026
- En relación aos colectivos prioritarios, tanto no caso das mulleres como no dos parados de longa duración rexístrase a cifra máis baixa de desemprego para un mes de abril de toda a serie (maio 2005)
Galicia pechou abril con 1.103.820 afiliacións á Seguridade Social, 16.386 cotizantes máis ca en abril do ano pasado, e con 112.293 persoas no paro, 3.252 menos que no mesmo mes de 2025. Así o destacou hoxe a directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, durante a valoración dos datos de paro e de afiliacións, que en ambos casos son os mellores para un mes de abril desde que hai rexistros.
No caso das afiliacións, na comparativa anual aumentan nun +1,51 % e tamén medran na comparativa mensual (+7.944 afiliacións máis, +0,72 %). De feito, en termos intermensuais, trátase do segundo maior aumento, tanto en termos absolutos como relativos, dun mes de abril desde que hai rexistros, despois do acadado o ano pasado.
En relación co desemprego, este cae tanto na comparativa anual, cun descenso do -2,81 % como na mensual, neste caso cun recorte do -2,07 %, o que implica 2.377 persoas desempregadas menos con respecto a marzo de 2026.
O paro tamén se reduce nas catro provincias galegas e en todos os sectores de actividade, liderando a baixada a construción (-9,30 %), seguida do sector primario (-5,43 %), da industria (-4,73 %) e, por último, dos servizos (-1,92 %).
Canto aos colectivos prioritarios, tanto no caso das mulleres como no dos parados de longa duración rexístrase a cifra máis baixa de desemprego para un mes de abril de toda a serie (maio 2005). No caso das mulleres desempregadas a redución anual é de 1.800 persoas (-2,67 %) e no dos parados de longa duración a baixada é de 2.730 (-4,70 %).
No relativo á contratación, en Galicia aumenta tanto na comparativa interanual como na intermensual e en ambos casos cun mellor comportamento que a media estatal. Concretamente, asináronse preto de 6.500 contratos máis que no mes de abril do ano pasado.
Zeltia Lado salientou que, analizados desde unha perspectiva de medio e longo prazo, estes datos confirman a evolución positiva e estrutural do mercado laboral galego e o efecto das políticas activas de emprego para consolidar un modelo máis dinámico, inclusivo e orientado á creación de emprego de calidade, dando resposta ademais a desafíos como a cobertura de vacantes e a remuda xeracional.

