Galicia celebra a aprobación do informe que conclúe que o estado de conservación do lobo é favorable tras un ano de atrancos por parte de goberno central

Redacción
  • Ángeles Vázquez salienta que o resultado confirma que o traballo feito polas comunidades neste eido foi correcto e axustado á realidade da especie pero lamenta o tempo perdido e que España se expuxera a unha sanción por dilatar o proceso
  • A petición das comunidades, o Ministerio comprométese a convocar proximamente unha Conferencia Sectorial sobre a reforma do Regulamento Xeral de Costas

A Xunta celebra que, tras un ano de atrancos e sucesivos aprazamentos por parte do Goberno central, o informe sobre o estado de conservación do lobo que conclúe que a situación da especie en España é favorable saíu esta tarde adiante cos votos a favor de Galicia, Andalucía, Cantabria, A Rioxa, Rexión de Murcia, Comunidade Valenciana, Aragón, Canarias, Estremadura, Illas Baleares, Madrid, Castela e León e as cidades autónomas de Ceuta e Melilla.

Este foi o principal punto abordado hoxe no seo da Conferencia Sectorial de Medio Ambiente, que deste xeito aprobou o informe sexenal sobre o lobo e tamén os correspondentes ás outras 37 especies analizadas, unha documentación que o Goberno central debía ter remitido xa á Comisión Europea antes do 31 de xullo do ano pasado.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, foi a encargada de representar á Xunta durante a xuntanza, na que a unión da maior parte das comunidades autónomas permitiu sacar adiante a mesma proposta que hai case un ano votaron e aprobaron no marco da Comisión sectorial do 16 de xullo de 2025.

Neste sentido, amosouse satisfeita polo feito de que a proposta que se remitirá a Europa confirma que o traballo feito polas comunidades foi correcto e confirma a tese defendida sempre pola Xunta de que o estado actual do lobo é favorable e non hai base científica para xustificar que teña un réxime de protección especial. Pero tamén lamentou o tempo perdido pola actitude do Ministerio e os seus sucesivos intentos de dilatar e modificar a conclusión sobre o estado de conservación do lobo en España, un atraso que mesmo lle puido valer unha sanción por parte da Comisión Europea.

Os únicos votos en contra foron os do Goberno central e Cataluña (que non estivo representada na xuntanza pero delegou o voto no Ministerio), xustificando este posicionamento en supostos erros formais detectados no informe e nos datos remitidos polas comunidades pero sen chegar a cuestionar a conclusión de que o estado da especie é favorable.

A conselleira, en todo caso, volveu defender que non hai tales erros e, de feito, sinalou que o informe do lobo foi elaborado polos mesmos técnicos e coa mesma metodoloxía que os do resto de especies, que en ningún caso foron cuestionados por parte do Executivo central.

Neste sentido, cómpre lembrar que a de hoxe é a primeira Conferencia Sectorial que se convoca de forma presencial desde que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico acordara suspender unilateralmente a convocada o 18 de xullo de 2025 para abordar este e outros asuntos de gran importancia para as comunidades.

Sectorial sobre o Regulamento de Costas

A maiores, cómpre salientar tamén que o pasado xoves Galicia xunto á Comunidade Valenciana, Andalucía, A Rioxa, Madrid, Rexión de Murcia, Ceuta e Baleares solicitaron a inclusión doutro punto na orde do día da reunión de hoxe para pedir a convocatoria urxente dunha Conferencia Sectorial de Medio Ambiente co fin de abordar o Real Decreto polo que se modifica o Regulamento Xeral de Costas e solicitar, mentres tanto, a suspensión da tramitación da referida reforma.

A petición foi rexeitada co argumento de que non había marxe de tempo suficiente para preparar e repartir a documentación correspondente entre as comunidades, a pesar de que o propio venres 20 de xuño, pola tarde, o Ministerio enviou información adicional sobre varios puntos da convocatoria e de que o regulamento interno da Conferencia Sectorial prevé a posibilidade de solicitar a inclusión dun novo punto na orde do día cando se trate de asuntos de extraordinaria urxencia.

En todo caso, Galicia aproveitou o apartado de rogos e preguntas para pedir a convocatoria da Conferencia Sectorial monográfica sobre a reforma do regulamento e o Ministerio comprometeuse a facelo, aínda que sen concretar a data nin referirse nomeadamente a unha posible suspensión da tramitación en marcha.

Comparte este artigo