Galicia e outras 13 comunidades demandan ao Goberno Central unha convocatoria extraordinaria da Conferencia Sectorial de Medio Ambiente para abordar o estado de conservación do lobo

Redacción
  • O obxectivo é retomar o procedemento que o Executivo central decidiu paralizar o ano pasado cando as autonomías rexeitaron a súa proposta de informe sexenal sobre a especie, posto que declaraba como desfavorable o estado de conservación das súas poboacións en contra das avaliacións autonómicas que o cualificaban de favorable
  • As comunidades agardan que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico non actúe coa mesma arbitrariedade que en ocasións anteriores negándose a convocar este encontro con pretextos falsos e só para evitar a aprobación dunha resolución contraria aos seus principios ideolóxicos
  • Advirten do incumprimento por parte do Goberno central da súa obriga de remitir esta documentación á Comisión Europea antes de xullo de 2025 e recordan que isto xa provocou a apertura dun expediente sancionador a España
  • Segundo o censo elaborado pola Xunta, en Galicia hai 93 mandas de lobo e a presenza desta especie esténdese en máis do 90% do territorio

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e os seus homólogos doutras 11 comunidades e das cidades autónomas de Ceuta e Melilla remitiron hoxe unha carta á vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Sara Aagesen, na que lle exixen a convocatoria urxente -no prazo de dous días hábiles- da Conferencia Sectorial de Medio Ambiente de xeito extraordinario. O fin último é aprobar os informes sexenais previstos na directiva europea sobre a conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres e, en especial, o documento relativo ás poboacións de lobo.

Os representantes autonómicos lembran na súa misiva que o Goberno central debía ter remitido estes informes á Comisión Europea antes do 31 de xullo do ano pasado. Algo que non fixo aínda malia que a directiva obriga aos estados membros a reportar sexenalmente ás autoridades comunitarias o estado de conservación das especies incluídas na normativa e que non se limitan unicamente ao lobo, senón que afecta a outras moitas especies. De aí que sexa fundamental proceder á súa aprobación para adoptar medidas de xestión axeitadas.

As comunidades e cidades autónomas -Galicia, Andalucía, Cantabria, A Rioxa, Murcia, a Comunidade Valenciana, Aragón, Canarias, Estremadura, Baleares, Madrid, Castela e León, Ceuta e Melilla- solicitan esa conferencia sectorial extraordinaria dado que así o permite o artigo 12 do regulamento interno destas reunións, que establece que poden celebrarse para tratar asuntos urxentes ou inaprazables a petición de, polo menos, a terceira parte dos membros da Conferencia Sectorial. De aí que agardan que nesta ocasión o Goberno central non actúe coa mesma arbitrariedade de ocasións anteriores negándose a convocar este encontro, pois estaríao facendo sendo coñecedor da inxustiza e ilegalidade da súa omisión.

De feito, o fin último desta convocatoria é retomar o procedemento que deixou paralizado o Executivo central en xullo do ano pasado despois da celebración da Comisión Estatal de Patrimonio Natural e Biodiversidade previa á Conferencia Sectorial. Nese encontro as comunidades autónomas rexeitaron a proposta de informe sexenal sobre o lobo presentado polo Ministerio, posto que declaraba como desfavorable o estado de conservación das súas poboacións en contra das avaliacións autonómicas que o cualificaban de favorable.

Isto foi o que motivou a presentación dun documento no que se indicaban as eivas da proposta ministerial que era preciso corrixir de cara ao informe sexenal que se levase á Conferencia Sectorial para a súa aprobación final e posterior envío a Bruxelas. O documento, elaborado pola Xunta de Galicia -en coordinación co resto de comunidades autónomas afectadas- acredita con criterios técnicos que o estado de conservación do lobo en España é favorable e expón as distintas falsidades e valoracións subxectivas detectadas na proposta elaborada polo Ministerio.

Neste sentido, incide en que o Goberno central quere aparentar que na súa avaliación do estado de conservación do lobo emprega os criterios da Comisión Europea, cando en realidade pretende impoñer os seus criterios subxectivos e contrarios ás avaliacións técnicas trasladadas polas comunidades.

O documento, elaborado con información rigorosa e seguindo as directrices técnicas definidas e aprobadas a nivel europeo, foi sometido a votación na referida Comisión Estatal de Patrimonio Natural e Biodiversidade e -sen ningún outro voto en contra máis que o da Presidencia da Comisión, que ostenta o Goberno central- acordouse elevalo á Conferencia Sectorial para a súa aprobación.

Pretextos do Executivo central

A Conferencia Sectorial debería terse celebrado o pasado 22 de xullo, pero foi desconvocada de xeito unilateral e sen xustificación polo Goberno central. Ante esa situación, as comunidades -as mesmas que nesta ocasión- exixiron en varias ocasións a convocatoria dunha sesión extraordinaria. Solicitudes todas elas que foron denegadas baixo diferentes argumentos que, co tempo, se demostraron falsos e unicamente acordes á negativa ministerial -por criterios ideolóxicos- a aprobar un informe que declarase que o estado de conservación das poboacións do lobo é favorable.

Por exemplo, o Ministerio aduciu que os incendios ocorridos en 2025 podían ter afectado aos parámetros do informe. Algo que carece de sentido tendo en conta que ese ano queda fóra do ámbito de estudo, correspondente co período 2019-2024.

Outro dos argumentos dados polo Goberno central para non convocar esa Conferencia Sectorial extraordinaria foi que a Comisión Europea lle concedera unha prórroga para a remisión do informe. Unha mentira que quedou en evidencia no momento en que a propia Comisión Europea abriu un expediente sancionador a España -a través dunha carta de emprazamento- precisamente pola falta de remisión dos informes sexenais.

Todo isto, ao entender das comunidades e cidades autónomas, redúcese a escusas para evitar remitir a Bruxelas un informe que declarase favorable o estado de conservación do lobo. Por iso, decidiron remitir pola súa conta a información que teñen sobre a situación da especie nos seus territorios. Unha actuación que tamén lles serviu para que o Executivo comunitario confirmase que segue esperando a que España lle remita os informes sexenais en cuestión.

Situación do lobo

En canto á situación das poboacións desta especie en Galicia, segundo o censo elaborado pola Xunta en 2022, están conformadas por 93 mandas e a súa presenza esténdese en máis do 90% do territorio, polo que o seu estado de conservación é favorable, tal e como reflicte a información remitida ao Ministerio.

Nos últimos dous anos (2024 e 2025) rexistrouse unha media de 2.019 avisos por ataques do lobo, o que supón un incremento do 72% en relación cos 1.174 do ano 2021, ano no que o Goberno central incluíu o lobo de forma arbitraria e unilateral Lesrpe. Na mesma liña, as reses afectadas por eses ataques pasaron de 2.050 en 2021 a unha media de 3.168 nos últimos dous anos, o que implica unha suba do 55%. Isto equivale a que cada día son atacados polo lobo unha media de nove animais.

Comparte este artigo