Galicia estrea as formacións aceleradas de FP con 162 persoas matriculadas na primeira quenda ata xaneiro, que se completará cunha nova matrícula a final de ano

adminON
Lectura mínima de 3

A directora xeral de FP visita no Centro Integrado de FP Someso, da Coruña, os 25 alumnos desta novidosa modalidade de formación pioneira e exclusiva de Galicia

Galicia estrea este curso as formacións aceleradas cun total de 162 matriculadas na primeira quenda académica que se desenvolve entre setembro e xaneiro.

A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, visitou hoxe no Centro Integrado de FP  CIFP Someso, da Coruña, os 25 alumnos desta novidosa modalidade pioneira e exclusiva impulsada como experiencia piloto pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP. Trátase, en concreto, de 13 estudantes que cursan o grao medio de Cubertas e impermeabilizacións e outras 12 do grao superior de Planificación e supervisión da área de carrozaría de vehículos automóbiles.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP explicou que estas formacións son unha vía novidosa este ano e, polo tanto, “aínda non moi coñecida entre a cidadanía”. De feito, avanzou que a finais de ano se abrirá a matrícula para a segunda quenda destas formacións, que se corresponde ao período xaneiro-xuño.

Dobre vantaxe destas formacións

As formacións aceleradas son unha modalidade de formación rápida, concentrada nun período de entre catro e seis meses de duración que, en palabras da directora xeral de FP, representan “unha dobre vantaxe”: por unha banda, lle proporcionan ás persoas unha formación rápida para o acceso ao mercado laboral ou continuar a súa formación e, por outra banda, permítelles ás  empresas dispoñer de persoal cualificado dunha maneira áxil, sobre todo naqueles sectores onde hai máis demanda.

Estas formacións inclúen tanto a formación no centro educativo como a fase de formación na empresa, e por tanto permiten que as persoas acaden, nun corto período de tempo, unha certificación profesional con valor académico e tamén profesional. O obxectivo último é mellorar a cualificación das persoas e abrirlles as portas ao mercado laboral en sectores concretos que precisan profesionais para traballar. “Para iso, desde a Xunta implementamos vías novidosas e que afondan nunha FP á carta para cada persoa”, abondou Eugenia Pérez.

Comparte este artigo