- Ángeles Vázquez lembra que a iniciativa de Augas de Galicia pretende laminar os crecementos do caudal en caso de precipitacións intensas e minimizar o impacto dos desbordamentos nas instalacións asentadas nas proximidades do río
- A previsión é que esta actuación, que incluiría medidas de restauración fluvial e retención da auga, implique un investimento de 1,6 M€ aínda que o orzamento definitivo se coñecerá no momento en que se redacte o proxecto definitivo
- A conselleira salienta que a proposta elaborada polo Executivo galego conta con maior capacidade de acollida de auga que outros plans presentados a nivel municipal e que se trata da mellor opción para facer fronte ao problema existente na zona
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, mantivo hoxe un encontro coa veciñanza do barrio pontevedrés de Valdecorvos no que lle expuxo as actuacións que a Xunta lle trasladou ao Concello como posibles para reducir o risco de asolagamentos no municipio, entre as que se encontra a creación dunha zona de inundación controlada na contorna.
A proposta elaborada por Augas de Galicia pretende laminar os crecementos do caudal en caso de precipitacións intensas e minimizar o impacto dos desbordamentos nas proximidades do río Valdecorvos. Con ese fin, a creación desa área de recollida de auga iría acompañada doutras medidas de restauración fluvial e de retención da auga.
A responsable autonómica explicou que a estimación é que esta actuación implique un investimento de arredor de 1,6 millóns de euros aínda que o orzamento concreto se coñecerá unha vez que se resolva o contrato que está en licitación na actualidade para adxudicar a redacción deste e doutros proxectos para a creación de zonas de inundación controlada na comunidade e se elabore o específico para Valdecorvos.
Neste sentido, Ángeles Vázquez, que estivo acompañada polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández, explicou que durante a redacción do proxecto se estudarán cuestións que preocupan á veciñanza, como a posibilidade de que os asolagamentos rexistrados no río Valdecorvos teñan a súa orixe en aportes procedentes doutros afluentes ou regos existentes na contorna, co fin de adoptar a mellor solución.
Polo momento, clarificou, estamos ante unha proposta inicial da Xunta que foi deseñada polos técnicos de Augas de Galicia e que conta con maior capacidade de acollida que outros plans presentados a nivel municipal, polo que destacou que se trata da mellor opción dispoñible para facer fronte a problema existente nesta zona.
A conselleira subliñou que a creación desta zona de inundación controlada é unha das oito propostas realizadas polo organismo hidráulico autonómico na área de risco potencial significativo de inundación (Arpsi) dos ríos Lérez e Gafos, no concello de Pontevedra. Son opcións que xa foron trasladadas en distintas reunións técnicas ao Goberno local pois o Concello é quen terá que decidir cales lle interesa desenvolver ao tratarse de actuacións de competencia municipal aínda que Augas de Galicia poida colaborar na execución e financiamento dos traballos.
Outras actuacións
Entre elas están a restauración fluvial do río Gafos, no barrio de Campolongo, e da Xunqueira de Alba, no rego de Granda, así como a ampliación da ponte baixo o paseo Domingo Fontán, neste mesmo rego. Tamén a ampliación dunha obra de drenaxe transversal no rego de Verducido, a restauración fluvial das marxes do río Lérez ou intervencións no río Gafos, entre a rúa Rosalía de Castro e a avenida Xeneral Antero Rubín, co fin de minimizar os asolagamentos na contorna.
A conselleira salientou que todas estas propostas -así como as xa executadas, en marcha ou previstas noutras Arpsi de Galicia- demostran o compromiso do Executivo galego cos concellos e a súa vontade de colaboración para reducir o risco de asolagamento nas zonas máis críticas e evitar así os prexuízos e danos ás persoas, empresas ou entidades asentadas nas proximidades.