Presenta a experiencia do Laboratorio Ecosocial do Barbanza, que é coordinada pola Fundación RÍA e que consiste nun laboratorio vivente para a xestión multifuncional e a custodia colectiva do territorio
A Xunta de Galicia está a intercambiar experiencias en Letonia sobre a xestión multifuncional do territorio no marco da reunión internacional dos socios do proxecto Green Infrastructure for Forest and Trees (GIFT) do programa Interreg Europe-FEDER.
Durante a súa participación neste encontro, que tivo lugar na cidade de Riga, o director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, puxo en valor a experiencia do Laboratorio Ecosocial do Barbanza, que é coordinada pola Fundación RÍA e que consiste nun laboratorio vivente para a xestión multifuncional e a custodia colectiva do territorio.
Nesa liña, os participantes neste encontro expuxeron o coñecemento e experiencias adquiridas sobre a xestión multifuncional, a agrosilvicultura, a conservación da biodiversidade, a rexeneración costeira sostible e a integración das infraestruturas verdes en contextos urbanos.
Ademais das intervencións no seminario, os asistentes tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man o traballo desenvolvido polas autoridades letonas. Deste xeito, visitaron o Parque Nacional de Sigulda e Gauja, o máis grande e antigo de Letonia, que é coñecido pola súa rica biodiversidade e paisaxes, así como a Reserva do Museo de Turaida, que combina patrimonio cultural e valores naturais. Tamén visitaron Mežaparks, que é o exemplo emblemático de Riga de infraestrutura verde urbana, e o Parque Natural de Ragakapa, un espazo protexido da Rede Natura 2000 que conta con dunas e hábitats con especies raras.
Case 2 M€ de orzamento
Cómpre lembrar que a finalidade principal do programa GIFT é fomentar a política de cohesión, facilitando o intercambio de experiencias e coñecementos de éxito no eido das infraestruturas verdes, centradas en bosques e árbores, a transferencia de boas prácticas e a aprendizaxe entre os socios, principios nos que se enmarca esta visita a Letonia.
Impulsado no marco do programa Interreg Europe-FEDER e cun orzamento de 1,97 millóns de euros —o 80% procedente de fondos Feder e o 20% restante da Xunta—, este proxecto pon especial énfase e atención nos bosques, nas árbores e nas paisaxes que albergan, procurando a recuperación de servizos ecosistémicos relacionados coa biodiversidade, o clima, a auga e a erosión, entre outros.
No proxecto, que lidera o IET, participan 9 entidades máis de países e rexións da Unión Europea: o goberno rexional de Västra Götaland (Suecia), a Axencia Territorial de Flandes (Bélxica), os gobernos provinciais de Fryslân (Países Baixos) e Rimini (Italia), a Axencia Rexional de Leipzig (Alemaña), o Instituto Forestal Esloveno, o Centro de Apoio Empresarial de Kranj (ambos de Eslovenia), a Universidade de Letonia e a cidade de Zagreb (Croacia).

