Galicia pecha o mellor maio da serie histórica con 1.111.867 afiliados á Seguridade Social e 109.355 persoas desempregadas

Redacción
  • O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, valorou hoxe os últimos datos do paro e cotizantes á Seguridade Social destacando que a nosa Comunidade ten 17.061 afiliados máis que en maio de 2025
  • Esta suba tamén se rexistra con respecto ao mes pasado, con 8.048 afiliacións novas, o que supón un incremento do +0,73 %
  • No relativo ao desemprego, este cae tanto na comparativa anual, cun descenso do -2,05 %, como na mensual, neste caso cun recorte do -2,62 %, o que implica 2.938 persoas desempregadas menos con respecto a abril de 2026
  • En relación aos colectivos prioritarios, tanto no caso das mulleres como no dos parados de longa duración rexístrase a segunda mellor cifra de desemprego de toda a serie histórica de datos (maio 2005)

Galicia rematou o mes de maio con 1.111.867 afiliacións á Seguridade Social, o que supón 17.061 cotizantes máis que no mesmo mes do ano pasado. Ademais, o número de persoas desempregadas situouse en 109.355, unha cifra que representa 2.286 menos que en maio de 2025. Así o puxo hoxe de relevo o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, na súa valoración dos datos de paro e afiliacións, que en ambos casos marcan os mellores rexistros para un mes de maio desde o inicio da serie histórica.

No que atinxe ás afiliacións, estas experimentan un incremento interanual do +1,56 % e tamén avanzan en comparación co mes anterior, con 8.048 afiliacións máis (+0,73 %).

Polo que respecta ao desemprego, a tendencia continúa sendo positiva tanto en termos anuais como mensuais. Así, o paro baixa un -2,05 % respecto de maio do ano pasado e un -2,62 % en relación con abril de 2026 —máis dun punto por enriba da media nacional—, o que se traduce en 2.938 persoas desempregadas menos. De feito, Galicia é a segunda comunidade autónoma na que máis descende o paro en termos relativos durante o último mes.

En comparación co ano anterior, o desemprego tamén diminúe en todos os sectores económicos. A maior redución rexístrase na construción (-8,09 %), seguida do sector primario (-4,14 %), da industria (-3,63 %) e dos servizos (-1,85 %).

No referido aos colectivos prioritarios, tanto as mulleres como as persoas desempregadas de longa duración presentan a segunda mellor cifra de paro de toda a serie histórica iniciada en maio de 2005. No caso das mulleres, o descenso interanual é de 1.512 persoas (-2,31 %), mentres que entre os parados de longa duración a redución alcanza as 1.635 persoas (-2,88 %).

González subliñou que, analizados cunha perspectiva de medio e longo prazo, estes indicadores indican a boa evolución do mercado laboral galego, afianzando un modelo dinámico e que crea emprego de calidade, apoiado tamén no bo desempeño do tecido empresarial da Comunidade.

Comparte este artigo