Galicia reprocha ao Goberno Central que relegue a un segundo plano o seu papel como representante das comunidades no próximo Consello de Ministros da UE

adminON
Lectura mínima de 5

— Ángeles Vázquez lamenta que se lle negue ao Goberno galego a posibilidade de defender en Luxemburgo a posición común autonómica de cara á COP29 de Bakú

— Lembra que durante o segundo semestre deste ano Galicia foi designada a voz das 17 comunidades españolas ante os ministros de medio ambiente europeos pero critica que, na práctica, a súa participación quede reducida a algo “simbólico”

A Xunta lamenta que o Goberno central rebaixe o papel que lle corresponde exercer a Galicia como representante das 17 comunidades autónomas españolas ante o Consello de ministros de Medio Ambiente da UE que se celebrará en Luxemburgo o vindeiro 14 de outubro.
Así o advertiu esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante o Consello Consultivo de Política Medioambiental para Asuntos Comunitarios convocado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e no que participou de forma telemática.
Neste sentido, amosou o seu desacordo coa decisión do Executivo central de relegar a un segundo plano a participación de Galicia no Consello de Ministros europeos do próximo 14 de outubro, que será a última cita preparatoria a nivel comunitario da Conferencia das Nacións Unidas sobre o cambio climático (COP29) prevista para o mes de novembro na cidade de Bakú (Azerbaián).
Tras lembrar que Galicia foi designada para exercer a representación das comunidades españolas durante as dúas reunións dos ministros de Medio Ambiente da UE programadas para o segundo semestre de 2024, a conselleira explicou que a Xunta se encargou de coordinar e definir a posición común autonómica ante os grandes retos en materia de medio ambiente, clima e transición enerxética que abordarán os ministros europeos do ramo a vindeira semana e no que ela mesma tiña previsto intervir.
Sen embargo e tras recibir a confirmación de que será o propio Ministerio o que defenderá a posición final de España de cara á preparación da COP29, Ángeles Vázquez amosou o seu desacordo cunha decisión do Goberno central que, segundo dixo, reduce o protagonismo das comunidades e, particularmente, o de Galicia no seu papel de voz coordinadora ante o Consello de ministros europeos do 14 de outubro.
Neste sentido, a responsable autonómica incidiu en que foi o Executivo galego, a través da súa Consellería, o que asumiu o impulso e elaboración do documento que se someteu hoxe a debate e discusión durante o Consello Consultivo de Política Medioambiental e co que as comunidades autónomas aspiran a influír na posición final que defenderá ante Europa a delegación española de cara á próxima COP29.
Concretamente, na posición común acadada recóllese o firme compromiso autonómico de alcanzar a neutralidade climática a través de políticas que fomenten a eficiencia enerxética e a redución do consumo, a descarbonización dos procesos produtivos e a implantación da economía circular, así como o de contribuír á consecución dos obxectivos adquiridos no Acordo de París de 2015 para combater o cambio climático.
Ao respecto, Ángeles Vázquez salientou a importancia do Consello de ministros europeos que se celebrará a semana que vén tendo en conta as discrepancias existentes aínda entre os distintos estados membros sobre algunhas cuestións clave que se abordarán no cumio de Bakú, como, por exemplo, o futuro papel da enerxía nuclear ou a redución nun 90% das emisións netas de gases de efecto invernadoiro (GEI).
Novos retos climáticos
Cómpre lembrar que a COP29 marcará un fito importante desde o punto de vista do financiamento climático global, xa que chega nun momento clave para definir os novos obxectivos neste eido a partir do ano 2025 e para poder aumentar o nivel de ambición climática cun maior acceso a fórmulas de financiación directa.
Por este motivo, a conselleira lamentou que Galicia non vaia ter a oportunidade de culminar o traballo realizado como coordinadora defendendo a postura común de todas as comunidades de cara á celebración deste cumio —tal e como estaba previsto—, e que o papel que se lle ofreza quede relegado a unha exposición “simbólica” de apenas un minuto para defender ante os ministros europeos un asunto de carácter internacional e no que, polo tanto, non procede un voceiro autonómico.

Comparte este artigo