Galicia rexistrou o cuarto mes de abril máis seco da serie histórica

Redacción
  • O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a precipitación media acumulada foi de 35 litros por metro cadrado, que é un 69% inferior ao frecuente neste período
  • En canto ás temperaturas, abril foi moi cálido cunha temperatura media de 13,5 graos, o que supón 1,6 graos máis do habitual nese mes

O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de abril moi cálido e moi seco. De feito, é o cuarto mes de abril máis seco da serie histórica.

O pasado mes quedou definido pola influencia das altas presións que achegaron, por momentos, masas de aire cálido cara a Galicia. Así, os valores das temperaturas medias foron moito máis elevados do que cabería esperar nesta época do ano mentres que as precipitacións foron, localmente, moi escasas.

Con todo, esta situación cambiou nos últimos días do mes xa que o día 25 comezou un período caracterizado polas treboadas, formadas pola mestura entre o aire cálido da superficie e o frío das capas medias e altas da troposfera. Nese senso, os días 26, 27 e 28 as treboadas afectaron a grandes áreas do interior da Comunidade, con precipitacións, localmente, torrenciais, sarabia e moito aparato eléctrico.

En concreto, a media das precipitacións acumuladas en Galicia para a serie histórica 1961-2026 foi de 35 litros por metro cadrado, o que, segundo os datos rexistrados en 16 estacións meteorolóxicas representativas, é un 69% inferior aos valor climático habitual neste período, polo que se considera un mes moi seco.

Os acumulados máis altos, con datos entre 80 e 100 litros por metro cadrado, rexistráronse en áreas do suroeste da provincia de Ourense, na contorna das serras do Laboreiro, do Xurés e de Larouco, e a menor cantidade de precipitación -entre 10 e 15 litros por metro cadrado- deuse en áreas da Terra Chá, das Mariñas Coruñesas e da Mariña Central e Oriental Lucense.

En canto ás temperaturas, acadaron en xeral valores moi por riba do agardado nun mes de abril debido á frecuente aparición de situacións anticiclónicas que arrastraban aire cálido procedente do norte de África. En concreto, a temperatura media en abril foi de 13,5 graos, o que supón 1,6 graos por riba do valor normal climatolóxico, segundo os datos rexistrados en once estacións meteorolóxicas representativas. Estes datos fan que o pasado mes se poida considerar como moi cálido.

Máis polo miúdo, a media da temperatura mínima foi de 6,5 graos e a da máxima foi de 18,5 grados. As temperaturas máis altas -entre 21,4 e 22,6 grados- rexistráronse nas ribeiras dos ríos Sil, Támega, Avia, Tea e Miño de Ourense, mentres que as máis baixas -entre 03,4 e 4,4 grados- concéntranse nas serras de Queixa e Calva e en áreas da comarca da Limia.

Comparte este artigo