- Xosé Merelles mantivo un encontro coa vicepresidenta do Comité Científico Internacional de Turismo Cultural de ICOMOS e coordinadora da Carta, Celia Martínez Yáñez
- A Carta Internacional de ICOMOS para o Turismo Cultural Patrimonial 2022 sitúa a protección e conservación do patrimonio cultural no centro da planificación e xestión sostible do turismo, entre outros principios básicos
- Varios sitios patrimoniais, destinos urbanos, zonas marítimas e lexislacións de turismo internacionais xa adoptaron esta Carta como base para a xestión e planificación responsable e sostible do turismo
- A comunidade ratifica o seu compromiso cun turismo responsable, transformador e sostible poñendo en valor territorios coma Ribeira Sacra, Os Ancares, O Courel, entre outros
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, anunciou esta mañá a adhesión de Galicia, e concretamente da xestión do turismo rural, aos principios da Carta Internacional de ICOMOS para o Turismo Cultural Patrimonial de 2002. Xosé Merelles mantivo un encontro coa vicepresidenta do Comité Científico Internacional de Turismo Cultural de ICOMOS e coordinadora da Carta, Celia Martínez Yáñez, que se atopa visitando a comunidade xunto a outros membros do Comité, para reflexionar, debater e apoiar a aplicación do documento cos axentes implicados na xestión do turismo e o patrimonio en Galicia.
Segundo destacou o director de Turismo de Galicia con este encontro a comunidade galega súmase así aos lugares comprometidos con esta recomendación internacional, que ten unha filosofía transformadora e rexenerativa que a converteron “nun referente internacional entre os sitios patrimoniais e comunidades que perseguen un turismo responsable, transformador e sostible”.
A Carta de Turismo Cultural Patrimonial 2022 é unha guía para alcanzar un equilibrio entre a actividade turística, a participación dos residentes e demais sectores implicados, e a conservación e goce dos valores do lugar, así como a mitigación dos impactos climáticos e ambientais. O documento céntrase principalmente na xestión e planificación, a cooperación, a gobernanza compartida, a interpretación do patrimonio ou a sustentabilidade na planificación e xestión, entre outros.
Sete principios da Carta
Manifestando publicamente a súa adhesión aos sete principios da Carta, Turismo de Galicia mostra o seu compromiso por situar a protección e conservación do patrimonio cultural no centro da planificación e xestión responsable do turismo cultural; xestionar o turismo nos lugares do patrimonio cultural a través de plans de xestión baseados na capacidade de acollida e outros instrumentos de planificación e vixilancia dos efectos do turismo; e enriquecer a concienciación pública e a experiencia dos visitantes mediante unha interpretación e presentación sensibles do patrimonio cultural.
Tamén aposta por recoñecer e reforzar os dereitos das comunidades residentes mediante o acceso e a gobernanza participativa; sensibilizar e reforzar a cooperación para a conservación do patrimonio cultural; aumentar a resiliencia das comunidades e do patrimonio cultural; e integrar a acción climática e as medidas de sustentabilidade na xestión do turismo cultural e o patrimonio cultural.
Durante o encontro, o director de Turismo de Galicia destacou o bo momento no que se atopa Galicia con máis 3,9M de visitantes desde xaneiro a xullo deste ano “e unha riqueza repartida polo territorio e de forma desestacionalizada”.
Ademais, destacou os recursos naturais, paisaxísticos e patrimoniais que atesouran destinos como Ribeira Sacra, Os Ancares e O Courel, así como do interior da provincia de Ourense, que dan conta dos valores defendidos pola Carta Internacional de ICOMOS para o Turismo Cultural Patrimonial 2022.
Xosé Merelles destacou que outros lugares -como cidades ou zonas marítimas, e lexislacións de turismo a nivel internacional- xa adoptaron esta Carta. Neste caso, Galicia, cos seus bens culturais e ambientais, especialmente os rurais e de interior, pretende ser exemplar e pioneira “converténdose nun modelo turístico cultural sostible e consciente que se poida replicar noutros lugares tamén de interior”.
Precisamente, o director de Turismo lembrou que a comunidade galega conta, dentro das actuacións no campo da sustentabilidade turística, con varios plans de sustentabilidade turística en destino con actuacións ao redor da mobilidade, protección dos bens culturais e ambientais e outros recursos, compatibilidade de usos, participación veciñal e avaliación da capacidade de carga e acollida turística.