Xosé Merelles defendeu a proposta na xuntanza que ten lugar en Bourges e atribúe esta designación á aposta que fai a Xunta por un turismo respectuoso e responsable
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, está a participar na Asemblea Xeral anual de NECSTouR, a rede de rexións europeas centrada en promover o turismo sostible e competitivo. A xuntanza que se desenvolve baixo o lema ‘Turismo e cultura: da creación ao legado —construíndo territorios resilentes e conectados’ ten lugar estes días en Bourges, no Val de Loira (Francia), e no marco da mesma, a entidade vén de acordar a celebración da vindeira cita anual en Galicia coincidindo co Xacobeo 2027.
Durante a súa participación no evento, Xosé Merelles salientou a importancia de acoller na comunidade galega a vindeira reunión deste órgano, que contribuirá a continuar afianzando o destino Galicia como un referente en sostibilidade e competitividade coincidindo cunha celebración que converterá a comunidade galega nun gran polo de atracción turística.
NECSTour, entidade presidida por Matheieu Cuip, acordou esta designación de Galicia para acoller a súa xuntanza anual en 2027, despois de que Turismo de Galicia presentase oficialmente a candidatura o pasado mes de outubro nunha reunión que tivo lugar en Bruxelas. Neste sentido, Xosé Merelles destacou que “a aposta que vimos facendo desde Galicia por un turismo sostible á par da tradición e idiosincrasia do Camiño de Santiago, declarado en 1987 como primeiro Itinerario Cultural Europeo polo Consello de Europa”.
Galicia, xunto con Cataluña, Andalucía, País Vasco e Comunidade Valenciana forman parte deste organismo de ámbito europeo que ofrece un marco de colaboración para mellorar a xestión dos distintos destinos turísticos. Así, desenvólvense iniciativas que buscan equilibrar o desenvolvemento turístico coa protección do medio ambiente e a cultura e modo de vida local.
Entre as liñas de traballo desenvoltas nos últimos anos están as accións encamiñadas a favorecer a redistribución de fluxos turísticos nas distintas rexións de Europa e a promoción de novos destinos emerxentes, co obxectivo de acadar un turismo cada vez más sostible en relación con destinos e coas persoas que os visitan. Xosé Merelles salientou neste punto “o traballo realizado pola comunidade galega a través da instalación de sensores en distintos puntos das rutas xacobeas que debuxan unha realidade sobre o número de peregrinos que habitualmente as transitan máis aló dos tradicionais indicadores”.
Tamén neste punto, o director de Turismo de Galicia destacou “a labor de carácter técnica que se está realizando para a posta en marcha do Observatorio de Sostibilidade Turística que pronto disporá de ferramentas que tamén ofrecerán información cualitativa e cuantitativa sobre a realidade turística de Galicia que permitirán adaptarnos ás demandas actuais a nivel mundial”.
A asemblea anual de NECSTouR finalizará este xoves tras analizar entre outros aspectos, os modelos de xestión turística que combinan patrimonio cultural e desenvolvemento turístico para xerar valor a longo prazo, destacando especialmente o caso da rexión anfitrioa, Centro-Val de Loire, e os preparativos de Bourges como Capital Europea da Cultura 2028.
Ao longo das xornadas, as actividades céntranse no intercambio de ideas, a colaboración entre rexións europeas e a presentación de enfoques innovadores en turismo sostible. O programa inclúe debates, sesións de traballo e espazos de networking onde se analizan estratexias para conectar cultura, creatividade e turismo, así como para fomentar destinos máis equilibrados e sostibles. En conxunto, a asemblea busca servir como plataforma para compartir experiencias e desenvolver solucións comúns que reforcen o papel do turismo como motor de desenvolvemento territorial en Europa.
En NECSTouR están representadas un total de 44 rexións europeas e 32 organizacións académicas, asociacións e redes de empresas de turismo sostible, que representan a 19 países europeos, o que garante un amplo alcance e impacto rexional.

