Galicia solicita ao Goberno Central que defenda UE a singularidade das plantas de valorización de residuos para evitar que teñan que comprar dereitos de emisión

Redacción

— Nunha carta remitida á vicepresidenta terceira, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático expón que a eventual aplicación do novo Réxime de comercio de dereitos de emisión europeo suporía un grave impacto económico para este sector e, en particular, para Sogama, que recibe os residuos do 97% dos concellos galegos

— Ángeles Vázquez argumenta que non se está tendo en conta que estas instalacións prestan un servizo público esencial e como tal, teñen que procesar todos os refugallos recibidos con independencia da súa composición ou contido de CO2

— Segundo as estimacións da Xunta, a aplicación desta nova obriga suporía para a empresa pública galega un custo adicional anual de 14 M€, o que repercutiría no canon que pagan os concellos e mesmo podería comprometer a viabilidade da planta

A Xunta de Galicia acaba de dirixirse ao Goberno central para pedirlle que defenda ante as autoridades comunitarias a necesidade de ter en conta as particularidades e a situación actual do sector dedicado á valorización enerxética de residuos para que non lle sexa de aplicación o novo Réxime de Comercio de Dereitos de Emisión (RCDE) na UE, tal e como está previsto inicialmente.
Nunha carta remitida á vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, expón a inquedanza do Goberno galego ante a posibilidade de que a ampliación do actual mercado de carbono afecte a instalacións dedicadas á valorización enerxética xa que, na práctica, isto as obrigaría a adquirir dereitos de emisión equivalentes ás toneladas de CO2 que emitan cada ano á atmosfera.
Unha das afectadas por esta medida sería a empresa pública Sogama, cuxo modelo de xestión de residuos é o maioritario en Galicia e ao cal están adheridos actualmente 304 concellos (o 97% do total). Por iso, a responsable autonómica argumenta no seu escrito que a aplicación do RCDE neste caso non está tendo en conta que moitas destas instalacións prestan un servizo público esencial e, como tal, teñen que procesar todos os refugallos recibidos con independencia da súa composición ou do seu contido de CO2.
Ademais, cómpre lembrar tamén que, nestes momentos, a valorización enerxética carece dunha alternativa tecnolóxica que a poida substituír de inmediato para tratar os residuos non reciclables e que os recursos que este tipo de plantas terían que destinar a comprar dereitos de emisión deixarían de investirse en melloras ambientais ou tecnolóxicas nas propias instalacións. De feito, só na última década Sogama destinou máis de 118 millóns de euros a mellorar a eficiencia e o funcionamento do sistema.
Por iso, a conselleira advirte tamén dos riscos que desde un punto de vista ambiental podería ter a aplicación deste novo réxime ao sector da valorización enerxética, ante o previsible aumento dos residuos que se derivarían a vertedoiro (que é sempre a última opción) ao converterse esta nunha alternativa economicamente máis interesante.
Tras lembrar que a valorización no eido da xestión dos residuos aporta desde hai anos importantes beneficios ambientais e enerxéticos, defende que os avances acadados neste eido deben valorarse así como as implicacións que tería unha medida como esta para o futuro dun sector que cumpre rigorosamente a normativa ambiental e ten un papel moi relevante á hora de minimizar a opción do vertido.
Así, segundo as estimacións da Xunta, a posible aplicación desta nova obriga suporía no caso da empresa pública galega un custo adicional anual de 14 millóns de euros, o que repercutiría tamén no importe do canon que pagan os concellos a Sogama e mesmo podería comprometer a viabilidade da planta, que, tal e como lembra, nos últimos anos xa tivo que facer fronte a novos impostos estatais e a outras decisións do Goberno central cun impacto económico directo nas súas contas.
“A incorporación das plantas de valorización enerxética ao RCDE non contribuirá, nin a curto nin a medio prazo, a incrementar os niveis de reciclaxe nin a mellorar a protección ambiental. Pola contra, podería dificultar seriamente o cumprimento dos obxectivos en materia de vertido, fixados nun máximo do 10% para o ano 2035”, conclúe a conselleira.
A carta vai acompañada tamén dun informe executivo, avalado por asociacións de distintos países europeos que representan máis da metade dos residuos urbanos que se xeran na UE e que defenden tamén a exclusión deste sector da aplicación do novo RCDE.
Este asunto será abordado en Bruxelas o vindeiro mes de xuño polo que a Xunta solicita que a postura que defenda España nese momento ante a UE incida na singularidade deste tipo de instalacións e advirta do impacto económico e social que suporía estender a participación no mercado de dereitos de emisión ao sector da valorización enerxética.

Comparte este artigo