Galicia supera xa o obxectivo europeo de reciclaxe de plásticos, cunha taxa de recuperación do 58%

Redacción
  • Ángeles Vázquez incide na importancia da prevención como clave na xestión destes residuos porque diminuír o uso de plásticos en orixe é a mellor garantía de futuro
  • A Xunta reparte máis de 1.000 bolsas de tea en sete prazas de abastos galegas para concienciar á cidadanía sobre a necesidade de reducir o consumo de plásticos xa que unha bolsa deste material, que ten un tempo de uso medio de entre 12 e 20 minutos, pode tardar entre 150 e 200 anos en degradarse
  • A conselleira fai un chamamento a un uso responsable porque cada decisión de consumo conta e cada bolsa que evitamos é un paso cara a un sistema máis eficiente

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo hoxe en valor que Galicia supera xa o obxectivo europeo de reciclaxe de plásticos, cunha taxa de recuperación do preto do 57,8%, que son 8 puntos máis que o fixado pola normativa estatal e comunitaria.

Nese senso, a conselleira, que hoxe visitou o mercado de abastos de Lugo con motivo do Día internacional libre de bolsas de plásticos, a conselleira incidiu na importancia da prevención como clave na xestión destes residuos. “Diminuír o uso de plásticos en orixe é a mellor garantía de futuro”, subliñou.

De feito, na xornada de hoxe estase a levar a cabo en sete prazas de abastos da Comunidade -incluída a de Lugo na que participou a conselleira- a campaña Na túa compra resta plásticos, suma futuro, que consiste no reparto de máis de 1.000 bolsas de tea para concienciar á cidadanía sobre a necesidade de reducir o consumo de plásticos xa que unha bolsa deste material, que ten un tempo de uso medio de entre 12 e 20 minutos, pode tardar entre 150 e 200 anos en degradarse.

Nesa liña, Ángeles Vázquez, que estivo acompañada da alcaldesa de Lugo, Elena Candia fixo un chamamento a un uso responsable porque “cada decisión de consumo conta” e cada bolsa que evitamos é un paso cara a un sistema más sólido e máis eficiente. “Cómpre afastarnos da cultura do usar e tirar e facer que o noso día a día sexa moito máis sostible”, engadiu.

A maiores, a conselleira explicou que, ademais do tempo de degradación, o plástico ten outro problema asociado que é o uso de enerxías non renovables para a súa elaboración. Así, máis do 90% dos plásticos do mundo prodúcense a partir de combustibles fósiles. En concreto, recuperar dúas toneladas de plástico equivale a aforrar unha tonelada de petróleo.

Nese senso, Ángeles Vázquez apelou ao compromiso ambiental do tecido produtivo e sinalou que 136 empresas galegas xa aplican plans de prevención de envases, o que permitiu un aforro de 4.109 toneladas de materias primas.

Para concluír, a conselleira salientou que o compromiso de “restar residuos para sumar futuro” debe ser asumido por todos: administracións, empresas e cidadanía. De feito, a Xunta, a través do Plan xeral de residuos municipais de Galicia aposta por un consumo máis responsable e a minimización dos residuos de plástico incorporando unha serie de medidas orientadas tanto á prevención destes refugallos como á redución do seu impacto no medio ambiente a través dun correcto tratamento que permite a súa reciclaxe e reutilización.

Comparte este artigo